BNG reclama axudas directas para as perdas no sector do viño no Ribeiro

Noa Presas e Xacobe Ribeiro
Noa Presas e Xacobe Ribeiro
Noa Presas visita Gomariz, zona cero dos danos da sarabia, e apela á Xunta a comprometer axudas, atallar os problemas dos seguros e apostar pola innovación diante dos retos do cambio climático.

Noa Presas, deputada nacionalista por Ourense, visitou bodegas e viñedos afectados pola sarabia e as treboadas no Concello de Leiro, entre os que salienta a afectación á zona de Gomariz. Acompañada de Jacobe Ribeiro, concelleiro do BNG en Leiro, a deputada mantivo diferentes encontros con profesionais e particulares afectados polas sarabiadas e treboadas dos últimos días, nun momento de incerteza diante da proximidade da vendima.

Presas puido confirmar que “aínda que é cedo para contificar os danos, sabemos que arredor de 200ha están afectadas e que de aquí á vendima haberá que estar pendentes do resultado ou non das primeiras medidas e tratamentos, mais que é problemática a coincidencia do tempo de vendima coa duración destes e que isto pode derivar en danos maiores dos aparentes”. Neste sentido “desde o BNG apelamos á Xunta a que exerza de goberno galego e pare de facer abandono de funcións”.

O BNG levará ao Parlamento galego a posta en marcha de medidas inmediatas “para que a Xunta do PP non repita co Ribeiro o abandono que sufriu a Ribeira Sacra co pedrazo de hai uns meses ou o que esta mesma zona viviu nun ano tan difícil como o de 2017”.

Presas considera que “hai que ter en conta que esta zona xa estivo moi castigada a comezos da tempada polo mildeu, polo tanto é necesario arbitrar unha liña de axudas directas para que as e os produtores poidan ver compensadas as súas perdas, que nalgún caso xa sabemos que é da práctica totalidade. Ademais, de viren as próximas semanas moi calorosas ou moi chuviosas, será tamén demoledor, e a Xunta debe anticiparse na posta en marcha das axudas”.

En segundo lugar, desde o BNG piden “valentía para enfrontar os recorrentes problemas cos seguros. A maioría de profesionais non están asegurados e non é por capricho, senón porque son seguros pensados para latifundios e realidades xeográficas e climáticas que nada teñen que ver con Galiza. A Xunta debe ter un papel negociador ou impulsar seguros avalados desde o ámbito público”.

Finalmente, a deputada convida ao PP “a poñer as luces longas, o cambio climático está aquí e o sector vitivinícola, estratéxico, ten que ver como a Xunta pon recursos e instrumentos ao servizo da investigación e a innovación para poder paliar as consecuencias, anticipar necesidades e contribuír á modernización e adaptación do sector”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG