parlamento europeo

BNG reclama ao novo goberno do Estado que cumpra cos requisitos da Comisión Europea en seguridade ferroviaria

Alvia 10 aniversario
Alvia 10 aniversario
A eurodeputada Ana Miranda e a alcaldesa Goretti Sanmartín acompañaron ás vítimas de Angrois nos actos conmemorativos polo décimo aniversario do accidente

No décimo aniversario do accidente de Angrois, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, expresaron o apoio do Bloque ás demandas das vítimas tanto de investigación independente como de asunción de responsabilidades políticas. Neste sentido, Miranda salientou que o novo goberno que saia das negociacións ten que cumprir os requirimentos do procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea e dar cumprimento á normativa europea de seguridade ferroviaria.

“Dez anos despois do accidente é unha vergoña que non haxa unha sentenza, que non haxa verdade e xustiza para as vítimas”, salientou a eurodeputada nacionalista, quen lembrou que o accidente de Angrois foi o accidente máis grave acontecido en Europa nos últimos 30 anos e precisamente as actuacións do Bloque propiciaron a apertura dun procedemento de infracción por parte da Comisión Europea contra o Estado español por incumprimento da normativa europea de seguridade ferroviaria.

“Hai dez anos de loita, hai dez anos de moita dor, hai dez anos que os gobernos diversos maltrataron as vítimas”, sinalou Miranda, quen destacou que as vítimas “tiveron que ir a Bruxelas a ser ben tratadas como pasou recentemente na conferencia que organizamos polo décimo aniversario da traxedia e no que o director da Axencia Ferroviaria Europea dixo que o tema non está pechado, hai un procedemento de infracción aberto, e España ten que cumprir a normativa”.

Alvia 10 aniversario
Alvia 10 aniversario

Reunión coa comisaria de Transportes

A eurodeputada nacionalista reiterou que o Bloque ten o firme compromiso de seguir traballando con este tema tanto no Concello de Santiago, como no Congreso como no Parlamento Europeo “até chegar á verdade e a xustiza, e non imos parar goberne quen goberne”. Neste sentido avanzou que no mes de setembro, no marco da presidencia española da UE está previsto un encontro coa Comisaria de Transportes, Adina, Valean, para tratar o plan de acción do Estado español trasladado á Comisión Europea sobre o procedemento de infracción aberto en xaneiro de 2019 pola institución europea.

“Como alcaldesa de Santiago quero mostrar todo o ánimo, solidariedade e acompañamento ás vítimas de Angrois durante estes dez anos”, salientou Goretti Sanmartín tras transmitir en nome da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, “toda a forza e toda a enerxía coas vítimas nun día en que infelizmente non pode estar con elas, pero que as que acompañamos durante en todo este tempo”. Ao respecto afirmou que nestes dez anos o Bloque levou a cabo iniciativas en todas as administracións nas que ten representación “estando ao lado das vítimas esixindo o que creo que é o mínimo, que é que haxa verdade, reparación e xustiza”.

A alcaldesa compostelá sinalou que ao seu xuízo é incomprensible que nun accidente destas características, con 81 persoas falecidas e unha gran cantidade de persoas feridas houbese que esperar dez anos “para estarmos aínda inmersas nun proceso xudicial e que aínda non se foi capaz de conseguir unha investigación independente, necesaria”. Nestas circunstancia, Sanmartín considerou que “temos que darlles ese acompañamento nas súas reclamacións e nas súas demandas” e anunciou que desde o Concello de Santiago farase un “recoñecemento debido” ás vítimas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG