O Bloque Nacionalista Galego denunciou no Congreso que se abrisen procesos sancionadores a varios membros da Confederación Intersindical Galega (CIG) por participar nas concentracións realizadas nas sete cidades do país a 23 e 28 de abril para reclamar protección social e seguranza nos postos de traballo. Unhas concentracións en que se mantivo a debida distancia de seguranza e coas medidas de protección individual adecuadas para previr o contaxio entre os e as participantes.
O deputado do BNG, Néstor Rego, explicou que “pese a que durante o estado de alarma non cabe a suspensión do dereito fundamental de reunión”, varios participantes destas concentracións recibiron sancións pola súa presenza nestes actos. Durante o desenvolvemento destas concentracións a policía procedeu a identificar e posteriormente a sancionar distintas persoas asistentes, aplicando a Lei de Seguranza Cidadá, a coñecida como Lei da Mordaza.
“Un dereito fundamental como o de manifestación non pode ser prohibido e as autoridades gobernativas deben garantilo sempre, en todo o caso, propondo aos promotores as medidas complementarias que consideraren necesarias para preservar a seguranza pública” salientou o deputado.
Os nacionalistas demandan saber que xustifica a imposición de sancións aos participantes en concentracións lícitas en que se gardaban as debidas medidas de seguranza, tanto de distancia como de equipamentos de protección individual e instan a que se fechen os expedientes abertos e se retiren as propostas de sanción, pois fica claro que as actividades que realizaban as e os sancionados non supuñan contravención das normas vixentes durante o estado de alarma.