O portavoz de Xustiza do BNG, Iago Tabarés, reclamou este mércores ao Goberno do PP que sente a negociar cos representantes da avogacía e da procura que levan máis de cinco meses en folga xa, reivindicando a dignificación e mellora do servizo de xustiza gratuíta e da quenda de oficio. “A xestión desta situación xa é peor que a de 2018, cando a folga de funcionarios que durou catro meses”, denunciou o deputado, quen advertiu das consecuencias que o paro está a ter no funcionamento da xustiza galega.
Tabarés lamentou que a Comisión 1ª do Parlamento botase a andar hoxe cun tema que quedou sen resolver dende a pasada lexislatura e que afecta a un “servizo esencial” como é a xustiza gratuíta, que se está vendo afectado por unha folga que, subliñou, está a provocar a suspensión de numerosas actuacións xudiciais e demoras na tramitación de procedementos, fundamentalmente na orde penal e civil.
A través dunha pregunta formulada ao director xeral de Xustiza, José Tronchoni, o deputado nacionalista, que de novo amosou o seu apoio xs profesionais en folga, reclamou ao Goberno do PP máis orzamento para atender á xustiza gratuíta. Denunciou, neste sentido, que Galiza é das comunidades que menos invisten por habitante neste eido, con 4,42 euros por habitante fronte aos 6,25 de media do Estado.
Á falta de recursos súmase, engadiu, que a xestión que fai o Goberno do PP sexa “tan ineficaz” que nin sequera se chegue a executar o presuposto aprobado, de xeito que “nos últimos catro anos deixaron sen gastar máis de 1,2 millóns de euros do orzamento destinado a xustiza gratuíta”.
Unha falta de execución orzamentaria que en boa parte explica, segundo criticou o deputado do BNG, que a dotación que reciben os colexios profesionais para atender a organización dos servizos de xustiza gratuíta sexan “claramente insuficientes”, até o punto de que se está poñendo a estes organismos nunha situación “economicamente comprometida”. A partida para infraestruturas, exemplificou, é uns 200.000 euros máis baixa que en 2009.
Tamén son inferiores ás que recibían en 2009 as compensacións que reciben as profesionais da quenda de oficio, expuxo o deputado nacionalista, subliñando que existen actuación “necesarias e imprescindibles” que non se retribúen nin se compensan.
“Dialoguen e xestionen, cos colectivos afectados e cos colexios”, demandou Tabarés ao director xeral, ofrecendo tamén a colaboración do BNG para desatascar un conflito cuxa xestión foi até o de agora “nula”.
Destacou, ademais, o apoio do Bloque ás reivindicacións do colectivo en folga, que reclama o incremento das retribucións/compensacións pola intervención profesional, a inclusión de conceptos até agora excluídos do baremo ou o incremento da cantidade que a Xunta de Galiza destina aos colexios profesionais para a atención da quenda de oficio e do servizo de xustiza gratuíta, entre outras cuestións.