parlamento galego

BNG reclama ao Goberno do PP novas liñas de axudas urxentes e específicas para o marisqueo en Camariñas

Óscar Ínsua
Óscar Ínsua
Ínsua insta á Xunta a proporcionar este ano 2024 a semente necesaria para repoboar e recuperar os bancos marisqueiros da confraría

O deputado do BNG da Costa da Morte, Oscar Ínsua reclamou esta mañá na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo novas liñas de axuda urxentes e específicas para as máis de cen persoas dependentes do marisqueo en Camariñas, 50 que traballan a pé e outras 50 que o fan nas embarcacións de a frote”. Ademais, instou á Xunta a proporcionar este ano 2024 a semente necesaria para recuperar os seus bancos marisqueiros”.

Neste senso, Ínsua convidou aos responsables de conceder as axudas a “poñerse na pel das mariscadoras” se teñen que esperar seis meses ou un ano para poder mercar a semente para poder traballar. Interpreta a posición do Goberno do PP como unha “absoluto abandono e falta de confianza coa comarca e coa Confraría de Camariñas”.

Na súa exposición de motivos, describiu a  situación de perda de produtividade das rías galegas como “unha constante dende hai máis de dez anos, sen que a Consellería do Mar tomase medidas sequera para paliala. Pola contra, dixo “os niveis de descenso nas distintas especies, sobre todo de bivalvos, vai en aumento”. Para o deputado, a inacción da Xunta nesta situación significa “un castigo absoluto”. Trátase de salvar postos de traballo “non só no mar, tamén en terra, e resolverlle o problema a moita xente da comarca”, reclamou.

Constatou ademais que o sector do marisqueo en Camariñas leva máis de cinco anos sen poder ter un salario digno e tres anos sen coller nada, “ esperando unha resposta de acción da Xunta de Galiza que reverta a situación que están a padecer”.

Recordou ademais que a Consellería, á vista da situación de emerxencia na que se encontraba o sector e que do que veu denunciando o BNG,  fixera en 2022 un estudo do que “sorprendentemente aínda non se publicou nada e descoñecemos as causas, porque o normal é que xurdise algún indicio dos motivos da mortaldade do bivalvo ou da falla de asentamento da cría”, recriminou.

O deputado da Costa da Morte cualificou de “escenario de penuria” no que se atopa o sector marisqueiro pertencente á Confraría Virxe do Monte, e quixo saber “as medidas que te previsto realizar de carácter urxente a Consellería do Mar para resolver os problemas do sector marisqueiro na ría de Camariñas”.

No seu argumentario, constatou que “os niveis de descenso nas distintas especies, sobre todo de bivalvos, vai en aumento e a situación en Camariñas, concretou o deputado da Costa da Costa da Morte, “chama poderosamente a atención: Dunha produción total de bivalvos no ano 2019 de case 37.000 quilos, o descenso é acusadísimo no 2020, cunha produción total aínda non 8.000 quilos, e no ano 2023 a produción apenas supera os 4.000 quilos”, relatou.

Ínsua alertou da preocupante situación doutras especies coma o berberecho, que “pasou de ser a especie de bivalvo de maior produción no ano 2019, con 33.700 quilos, a caer ata os 19.500 ao ano seguinte e, sorprendentemente, a ter unha extracción de cero quilos no 2021, no 2022 e no 2023”. Advertiu que o berberecho desapareceu da ría de Camariñas e ocorre o mesmo coa produción de ameixa babosa, con practicamente “cero quilos de extracción desde 2021”.  No caso da ameixa fina e xaponesa, “o seu descenso máis acusado prodúcese desde o ano 2022”, lamentou.

Á vista dos acontecementos e da preocupación do sector marisqueiro, a Consellería publicou en data 1 de febreiro de 2024 a concesión directa de axudas de carácter extraordinario destinadas a garantir a sustentabilidade da actividade marisqueira.

Segundo o deputado da Costa da Morte, o Goberno do PP fíxoo moi mal porque “esta xente estivo esperando máis e tres meses para poder cobrar unha axuda que, xa de por si é unha auténtica miseria, unha cantidade única de 500 euros que”, na súa opinión, “en realidade foi aprobada para comprar votantes tres días antes das eleccións”.

Criticou que, “despois de tantos meses sen poder traballar e sen poder levar un peso á casa, aínda tiveron que mendigar que vostedes lle pagasen esta esmola”. Ademais, a día de hoxe, “a confraría non recibiu da Xunta ningún saco de semente”.

“É imprescindible que haxa cartos para rexenerar a ría e para ter traballo, para sementar futuro, non para darlles unha paguiña e estar sen traballar”, rematou.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG