BNG reclama ao Goberno do Estado que actúe ante o proceso de concentración bancaria

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego defende a regulación do sistema bancario para impedir a destrución de emprego, o peche de oficinas e a redución de servizos para as persoas usuarias como resultado da reestruturación e concentración.

A formación nacionalista urxe a derrogación da Reforma Laboral e que se permita a xubilación anticipada sen penalización, así como estabelecer acordos de prexubilación nos procesos de regulación de emprego.

O deputado do BNG, Néstor Rego, leva ao Congreso a necesidade de estabelecer unha regulación que impidan as graves consecuencias da reestruturación e concentración bancaria. Reclama que se exixa ás entidades que manteñan os servizos de atención de maneira presencial, que se evite o  peche de sucursais bancarias na Galiza e que se regule o sector para pór fin á escalada de abusos bancarios. Recorda así mesmo a urxencia en derrogar a Reforma Laboral que está a facilitar os despedimentos e ERES no sector bancario.

O rescate bancario de 2008 favoreceu o comezo do proceso de reestruturación e a concentración do sistema bancario, mais non serviu para reforzar a transparencia, a intervención e o control público que evitaría futuras burbullas financeiras. Este proceso de privatización e concentración está a supor a destrución e precarización do emprego, así como o empeoramento nas condicións de servizo, tanto para particulares como para as pequenas e medianas empresas.

“Os procesos de fusión que se produciron no Estado reducen a rede bancaria e causan o peche de sucursais destruíndo servizos e emprego na Galiza, o que está a afectar de maneira moi negativa ao rural do noso País” explica o deputado do BNG no Congreso. Para Néstor, o proceso que se está a vivir é “o resultado dunha decisión política: a de permitir a reestruturación e dar entrada a fondos especulativos, así como que a día de hoxe se manteña a Reforma Laboral que facilita a destrución de  milleiros de postos de traballo a través dos ERE”.

Coa aparición da pandemia e o Estado de alarma, as entidades bancarias incrementaron as súas comisións e obrigaron á cidadanía a empregar os servizos a través da banca virtual. “Aproveitaron o confinamento para reducir horarios e persoal, así como para pechar oficinas, empeorando a calidade do servizo mentres manteñen e mesmo incrementan as comisións que cobran ás persoas usuarias” subliña o deputado nacionalista.

Por este motivo, a organización frentista reclama ao Goberno do Estado que estabeleza unha nova regulación do sector bancario que obrigue ás entidades a pór fin aos abusos bancarios polo retallo de servizos, ao pacto de horarios, ao incremento das comisións e aos peches de oficinas e redución de persoal. No relativo ás persoas traballadoras da banca, tamén lembra o compromiso do executivo para derrogar a Reforma Laboral “que permite que grandes empresas con beneficios multimillonarios poidan despedir a milleiros de traballadores e traballadoras sen reparos”.

Así mesmo, Néstor Rego propón, recollendo as reclamacións de organizacións sindicais como a CIG, que se permita a xubilación anticipada sen penalización nos procesos que impliquen a redución de persoal, posto que a maioría do sector acumula máis de trinta anos cotizados polas bases máis altas e contribuíndo ao sistema de pensións. No caso de ser preciso, estabelecer acordos de prexubilación para que as traballadoras poidan seguir cotizando na Seguranza Social até poder chegar a xubilación anticipada de maneira que as entidades asuman os custes da reordenación do sector.

“O sistema financeiro é un pilar fundamental para o desenvolvemento social e económico. Debe ser equilibrado, solvente e garantir a prestación de servizos a todos os sectores da sociedade, especialmente aos colectivos máis vulnerábeis e con máis dificultades” reivindica Rego. O actual modelo que se pretende implantar, para o deputado nacionalista, é “especialmente lesivo para o conxunto da sociedade” porque crea exclusión financeira, suprime servizos ou encaréceos e destrúe emprego.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG