BNG reclama ao Goberno do Estado a intervención pública en Barreras

Encontro Vigo
Encontro Vigo
A formación nacionalista demanda impulsar a creación dunha Mesa do Naval para a Ría de Vigo que conte coa participación do executivo estatal, da Xunta de Galiza e das organizacións sindicais e empresariais máis representativas para buscar solucións efectivas que blinden a continuidade do sector naval na Ría de Vigo

O deputado do BNG, Néstor Rego, mantivo unha xuntanza coa representación sindical da CIG Naval para pór en común as iniciativas rexistradas no Congreso nas que reclama ao Goberno do Estado adoptar as medidas que garantan a continuidade da actividade dos estaleiros de Barreras e do antigo Vulcano. A formación nacionalista demanda ante a situación de grave crise do sector a intervención pública urxente para manter a actividade e os postos de traballo. Propón ademais impulsar un holding público-privado entre os distintos estaleiros, empresas auxiliares e empresas transformadoras do metal, así como a creación dunha Mesa do naval para a Ría de Vigo.

O sector da construción e reparación naval constitúe unha actividade estratéxica para a industria da Ría de Vigo. Por este motivo, o deputado do BNG no Congreso vén de manter unha reunión coa representación sindical da CIG Naval na que trasladou as iniciativas rexistradas xa para a continuidade do sector e coñecer de primeira man a situación actual nos estaleiros de Barreras e Vulcano. Na xuntanza tamén estiveron participaron o voceiro municipal do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, o responsábel local Serafín Otero e a deputada no Parlamento da Galiza, Carme González.

Encontro Vigo“Pasouse de ter preto de 10 mil postos de traballo a apenas superar o millar. Unha situación que se encadra nun claro retroceso das actividades industriais, en xeral, na área de Vigo” expuxo o voceiro municipal Xabier Pérez Igrexas. “O sector naval de Vigo atópase nunha encrucillada na que está en risco a continuidade desta actividade imprescindíbel e ao que se lle suma a incerteza pola continuidade do vello estaleiro Vulcano e o momento crítico que atravesa o estaleiro de Barreras” subliña.

As iniciativas rexistradas pola formación nacionalista reclaman que o Goberno do Estado adopte todas as medidas necesarias para garantir a continuidade da actividade dos estaleiros de Barrera e Vulcano para dar resposta á grave crise que padece o sector do naval en Vigo. Estas accións “deberán ser desenvoltas de maneira coordinada coa Consellería de Industria da Xunta de Galiza e poder impulsar a conformación dun holding” declarou o deputado Néstor Rego.

“Manter en activo un sector estratéxico como o naval debera ser unha prioridade para o Goberno do Estado e para a Xunta, pois os dous teñen competencias en industria e, pola grave situación de crise actual, a única opción de futuro pasa pola intervención pública dos estaleiros. O BNG propón a creación dunha entidade de carácter público-privado composta polos distintos estaleiros, empresas auxiliares e transformadora do metal na Ría de Vigo” remarca o deputado nacionalista. Así mesmo, Rego apunta que “esta medida favorecería o estabelecemento de sinerxias que permitirían o desenvolvemento de proxectos, procesos e investimentos comúns”.

Por último, o BNG demanda do Goberno do Estado que impulse a creación dunha Mesa do Naval para a Ría de Vigo -recollendo unha proposta da Confederación Intersidical Galega (CIG)- que conte coa participación, tanto do executivo estatal e a administración galega como polas organizacións sindicais e empresariais máis representativas “para buscar solucións efectivas que blinden a continuidade do sector”.

Situacións complexas para os estaleiros de Vigo

Por unha banda, o futuro do antigo Vulcano está comprometido pola ofensiva emprendida pola Autoridade Portuaria de Vigo, coa anuencia de Portos do Estado, co obxectivo  non disimulado de converter as súas gradas centenarias nunha extensión da terminal de contedores de Guixar. Na actualidade, a empresa Mariña Meridional, titular da unidade produtiva do antigo Vulcano -agora chamado estaleiro San Enrique-, viu bloqueados os seus intentos para retornar á actividade, por causa da resolución da concesión e a falta de certezas sobre os termos nos que se adxudicará unha nova.

“É preciso sinalar o acordo unánime adoptado o pasado 14 de xullo polo Pleno do Parlamento de Galiza, a iniciativa do Bloque Nacionalista Galego, en que instaba á Autoridade Portuaria de Vigo a que os novos pregos concesionais condicionen a súa adxudicación, si ou si, a un proxecto industrial dedicado á construción e/ou reparación naval” lembrou a deputada nacionalista no Parlamento Galego, Carme González.  Neste mesmo sentido, en resposta a unha pregunta presentada polo BNG no Congreso dos Deputados, o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo declarou ser partidario do desenvolvemento dunha actividade industrial e con todo, omite toda responsabilidade ou implicación para lograr o mantemento da concesión.

Por outra banda, no caso de Barreras que, ademais do estaleiro de maior importancia da ría de Vigo, é o maior estaleiro privado do Estado español, enfronta unha nova crise empresarial que compromete a súa continuidade cun risco real de liquidación. Tras os cambios no seu accionariado que elevou a finais de 2020 á dirección do estaleiro ao grupo Ritz  Carlton, naquela altura o armador do único buque en construción- o cruceiro de luxo  Evrima- o estaleiro non logrou carga de traballo.

A día de hoxe, todo o persoal eventual do estaleiro e todos os traballadores e traballadoras das empresas auxiliares que operaban no  Evrima, non están en activo e o persoal fixo enfronta un ERTE que corre o risco de converterse nun ERE  extintivo. Co  Evrima trasladado a Santander, pendente de labores de pintado, sen garantías do seu retorno a Vigo para o seu remate final e entrega. “Ademais, sen carga de traballo nin perspectiva de pedidos, ao non existir oficina técnica que os  viabilice e coa tensión financeira derivada das débedas millonarias de Barreiras coa industria auxiliar, as perspectivas son tráxicas” enfatiza Rego.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG