O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, acaba de rexistrar varias iniciativas na cámara baixa para que o Goberno do Estado modifique o proxecto de trazado da Autovía da A-74 da Mariña, tramo que abrangue de Foz a Barreiros. A formación nacionalista propón a construción dunha conexión directa do Polígono Industrial de Barreiros co ramal de ligazón xa prevista entre a N-634, a A-74 e a A-8.
Desde que comezou a exposición pública dos estudos informativos da autovía, o Concello de Barreiros mantivo conversacións cos técnicos responsábeis do proxecto da A-74 e cos funcionarios do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana en que se lles trasladou a necesidade e a obriga de conectar o Polígono con esta nova infraestrutura. Así mesmo, a Administración municipal enviou alegacións que recollen as demandas das empresas instaladas actualmente no Polígono de Barreiros de incluír no proxecto a conexión do polígono coa futura autovía.
“No deseño e desenvolvemento de todo polígono industrial resulta fundamental para o seu bo funcionamento e éxito empresarial, garantir unha boa conexión a todas as redes e infraestruturas de comunicación próximas e, no caso de non existir, preverse a súa futura execución” subliña o deputado nacionalista. Rego tamén apunta que, no caso do Polígono Industrial de Barreiros, o Goberno do Estado “debe garantir a conexión directa con esta nova vía de comunicación para axilizar a entrada e saída de vehículos de transporte”.
Mais o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana non contempla no proxecto ningún tipo de conexión do Polígono co ramal de ligazón en que confluirían a A-74, a A-8 e a N-634, nin tampouco se realiza ningunha proposta que permita unha conexión futura. Esta deficiencia provocaría prexuízos de carácter social e ambiental, ademais de contribuír a retardar o tráfico nesas dúas vías convencionais cun tránsito continuado de vehículos pesados.
“A distancia entre o Polígono e ese nó de conexión sería só 87 metros e, de non existir esa conexión, os vehículos terán que rodear todo o Polígono Industrial a través da N-634 e a N-642 cun percorrido total de 2,1 quilómetros que desemboca nunha rotonda de acceso demasiado pequena e que causa serios problemas para o acceso de camións e outros vehículos de grandes dimensións” explica Néstor Rego. Alén do máis, o deputado do BNG reclama ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que atenda as alegacións e informes que recollen os argumentos expresados. “Esta conexión viaria é fundamental para o futuro do Polígono de Barreiros e a economía do Concello e do conxunto da comarca da Mariña, polo que resulta imprescindíbel un compromiso público por parte do Ministerio, que debe dar a coñecer a súa decisión sobre se a incluirá no proxecto da futura A-74” conclúe o deputado nacionalista.