Congreso

BNG reclama ao Goberno do Estado un concerto económico para a Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego

A frente nacionalista exixe un sistema de financiamento xusto en que o noso País poida recadar todos os impostos e negociar bilateralmente co Estado que parte entregar para os servizos comúns

Rego lembra que no Acordo de Investidura conseguido polo BNG estabelécese que “Galiza terá o mesmo trato que Euskadi e Catalunya en calquera avance que haxa”

“É de xustiza rematar co espolio fiscal que sofre o noso País, e se é posíbel en Euskal Herria ou en Cataluña, tamén o é na Galiza” espeta o deputado nacionalista do BNG

O Bloque Nacionalista Galego reclama ao Goberno do Estado o seu compromiso para garantir un sistema de financiamento xusto para a Galiza e lémbralle que existe un compromiso, adquirido polo PSOE no Acordo de Investidura conseguido polo BNG, en que se estabelece que “Galiza terá o mesmo trato que Euskadi e Catalunya en calquera avance que haxa”. A formación nacionalista exixe ao executivo dotar a Galiza da capacidade de recadar a totalidade dos impostos e negociar de forma bilateral co Estado a parte a entregar para os servizos comúns: “un concerto económico dotaría á Galiza de maior autogoberno e maior capacidade para mellorar os servizos públicos galegos”.

“A diferenza entre os impostos que se recadaron na Galiza -quer dicir, entre o que os galegos e galegas pagaron- e o que o Estado devolveu ao noso país, por exemplo no ano 2021 situouse nada máis e nada menos que de 5080 millóns de euros. 5080 millóns de euros de espolio fiscal a un país que ten precisamente os indicadores socioeconómicos e de calidade de vida máis baixos do Estado" denuncia o deputado do BNG no Congreso. Estes datos, para a organización nacionalista, evidencian que o actual sistema de financiamento “é profundamente inxusto coa Galiza” e “non atende nin ten en conta as especificidades do noso País”.

En diversas ocasións, o BNG levou este asunto ás Cortes do Estado para lembrar ao Goberno o seu compromiso de mellorar o financiamento na Galiza. Os sucesivos gobernos do Estado –dunha cor ou doutra- rexeitaron as propostas do BNG. Mais, durante esta lexislatura, tanto o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, como a senadora nacionalista, Carme da Silva, instaron o executivo a levar a cabo unha reforma do sistema de financiamento e a “aplicar no caso galego un concerto económico”.

“Cabe lembrar que o Acordo de Investidura logrado polo BNG recolle literalmente que Galiza asegúrase o mesmo status que as outras dúas nacións –Euskadi e Cataluña- polo que, se da reforma do sistema de financiamento estamos a falar, e unha vez que se abre esa hipótese para Cataluña, é de xustiza facelo tamén para a Galiza e rematar co espolio fiscal que sofre o noso País” subliña Rego. O deputado lembrou que nunha recente pregunta en sesión de control, o propio Presidente comprometeuse a cumprir integramente o Acordo de Investidura

Neste sentido, o deputado nacionalista defendeu que Galiza “teña a capacidade para lexislar e recadar todos os impostos no noso País e rematar co ‘efecto sede’ de Madrid para que as empresas teñan que pagar os impostos alí onde operan”. Do mesmo xeito, que Galiza poida negociar de forma bilateral co Estado que parte do recadado entregar para os servizos que se poidan considerar comúns. “Sempre se dixo que era imposíbel, a pesar de que xa o teñen Euskadi e Navarra. Agora que o Goberno está disposto a aplicalo a Cataluña, fica claro que tamén é posíbel para a Galiza” espeta o deputado nacionalista do BNG.

A hemeroteca, en contra da propaganda do Partido Popular

Por outra parte, Néstor Rego lembrou que o actual sistema de financiamento “inxusto coa Galiza” foi aprobado polo Partido Popular liderado por Mariano Rajoy e que contou coa conivencia do na altura Presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixóo, e o Vicepresidente e actual Presidente da Xunta, Alfonso Rueda. “O BNG, pola contra, nunca vai permitir un sistema de financiamento que discrimine á Galiza. Un concerto económico só tería vantaxes para a Galiza e para as maiorías sociais do noso País” sinala Rego.

A organización nacionalista comprométese a actuar con ambición de País, aproveitando o actual contexto estatal, para que a Galiza se beneficie dun trato singular. “Se se abre a porta, Galiza non pode ser menos” sentenza.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG