BNG reclama ao Goberno arranxar e transferir a Casa do Mar de Burela

Visita Burela
Visita Burela

O BNG quere converter o edificio no “buque insignia dos servizos sociais, igualdade, migración e mocidade” no Concello de Burela

Néstor Rego anuncia o rexistro de iniciativas para que o Ministerio de Inclusión, Seguranza Social e Migracións atenda esta proposta e desenvolva, en colaboración co Xunta de Galiza, as actuacións necesarias

Mario Pillado defende que este proxecto poder chegar a ser “unha referencia para toda a comarca da Mariña”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de anunciar o rexistro de iniciativas en que insta o Goberno -e, no concreto, o Ministerio de Inclusión, Seguranza Social e Migracións- a actuar na Casa do Mar de Burela para realizar unha rehabilitación do inmóbel e, posteriormente, conveniar coa Xunta da Galiza para a súa transferencia e posibilitar a súa utilización para albergar todos os servizos sociais que actúan no concello, tanto de carácter autonómico, municipal ou asociativo. A organización nacionalista presenta estas iniciativas, enmarcadas nun ambicioso proxecto que pretende converter a Casa do Mar de Burela no “buque insignia” dos servizos sociais, igualdade, inmigración, mocidade.

O deputado do BNG, Néstor Rego, visitou o edificio da Casa do Mar en Burela, para coñecer de primeira man o estado actual das instalacións, acompañado polo tenente de alcalde Mario Pillado, así como pola concelleira de Servizos Sociais, Sandra Fernández.  

Na actualidade, a Casa do Mar de Burela -propiedade do Ministerio de Inclusión, Seguranza Social e Migracións, a través da Tesoureira Xeral da Seguranza Social- alberga as oficinas do Instituto Social da Mariña (ISM), a Unidade da Atención Temperá (UAT) e acolle locais do ámbito asistencial e asociativo. Un edificio, construído a finais da década dos setenta, con moito espazo baleiro e infrautilizado, que precisaría dunha mellora e actualización das infraestruturas para ofrecer servizos á veciñanza de Burela,

“O edificio ten unha enorme potencialidade mais, para iso, é preciso que o Ministerio de Seguranza Social, en colaboración coa Xunta de Galiza e cunha escoita activa ao Concello de Burela, aborde as obras de reparación do inmóbel” defende o deputado do BNG no Congreso. Do mesmo xeito, continúa explicando Néstor Rego, o Goberno do Estado, unha vez acondicionado, debera chegar a un acordo coa Xunta da Galiza para a súa transferencia e que esta, á súa vez, o poña ao servizo do Concello de Burela.

Estas iniciativas enmárcanse dentro dunha serie de actuacións promovidas polo BNG na localidade mariñá para converter a Casa do Mar no “buque insignia dos servizos sociais de Burela. Un gran centro de Benestar social, onde se integren todos os servizos sociais municipais e mesmo outros como a Unidade de Atención á Drogodependencia (UAD), a Unidade de Atención Temperá, ou servizos socio comunitarios coma o CIM, a educadora familiar, a atención a persoas migrantes, asociacións que traballan no eido social e outros colectivos”.

Pola súa parte, o voceiro do BNG en Burela e tenente de alcalde, Mario Pillado, reforza a idea proposta pola organización nacionalista destacando que este edificio pode chegar a ser “unha referencia para toda a comarca da Mariña acollendo todos os servizos sociais e serviría para dar un maior servizo a toda a cidadanía”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG