No transcurso da conferencia “20 anos do accidente do Prestige: análise da seguridade marítima en Europa”, que hoxe se celebra no Parlamento Europeo, Ana Miranda, subliñou a necesidade de que o Estado español faga público un informe dos vertidos mariños que se producen anualmente, xa que desde 2007, ano de creación do CleanSeaNet –sistema de monitorización por satélite que detecta e vixía vertidos mariños en augas europeas e permite a localización, seguimento e identificación do buque responsable-, non hai ningún dato publicado. “É necesario transparencia e que o Estado español faga públicos todos os datos que recolle este servizo da EMSA, tal e como demanda a Plataforma Nunca Máis”, subliña.
Precisamente a eurodeputada do Bloque entregou a Frederic Hebert, xefe da Unidade e Sustentabilidade do departamento de Sustentabilidade e Asistencia Técnica da Axencia de Seguridade Marítima Europea (EMSA), un documento da Plataforma Nunca Máis que recolle as súas demandas relacionadas coa necesidade de mellorar a seguridade marítima. “Consideramos imprescindible minimizar os riscos, tendo en conta que numerosos buques seguen pasando pola Costa da Morte”, defende Miranda.
“Analizamos a normativa europea e vemos que hai avances”, sinala a eurodeputada do Bloque, en relación á intervención de Hebert, quen salientou que o Parlamento Europeo foi clave na creación da Axencia de Seguridade Marítima Europea tras o accidente do Prestige. Neste mesmo sentido fixo a súa intervención Jacob Terling, representante da Unidade de Seguridade Marítima da Dirección Xeral de Transporte da Comisión Europea. así, destacou a mellora da Directiva de seguimento de tráfico marítimo e a prohibición dos buques dun só casco en augas europeas desde 2015.
“Colaboro na preparación de lexislación, que non serve de nada se os estados non a poñen en práctica. Os vertidos seguen estando aí, pero en menor escala”, manifestou Jacob Terling, quen asegurou que desde a catástrofe do Prestige se produciu un “cambio de paradigma”.
Proposta de reunión
Por outro lado, Ana Miranda salientou a importancia de avanzar na seguridade marítima e animou ás confrarías e aos distintos colectivos sociais e medioambientais viaxar a Lisboa para manter un encontro na Axencia de Seguridade Marítima Europea (EMSA) para presentar as diversas reclamacións tanto de medios como lexislativas. Así, neste sentido os representantes do sector pesqueiro galego, dos colectivos ambientais e os representantes de Nunca Máis criticaron a falta de medios existentes en Galiza e a necesidade de revisar o grao de aplicación da normativa europea de seguridade marítima no Estado español e nos resto de estados europeos.
Sobre a contaminación mariña en Europa, interveu o presidente da Comisión de Pesca, Pierre Karleskind, vicepresidente de Bretaña no momento de naufraxio do buque Erika, así como o exvicepresidente da Asociación “Merci Erika” de Bretaña, Alain Bonnec; o representante do FNP Partido Frisio dos Países Baixos, Frank de Boer; e o Presidente da asociación ZEA de Francia, Jean-Ronan Le Pen.