O deputado do BNG Brais Ruanova reclamou ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que rectifique e dea marcha atrás na supresión do departamento de lingua portuguesa no IES San Paio de Tui, un “auténtico atropelo” sobre un proxecto que é pioneiro e que está consolidado no centro, onde se creou hai máis de vinte anos.
A decisión tomada polo Goberno do PP vai contra a Lei Andrade e “demostra o curtos de visión que están en San Caetano”, asegurou o deputado nacionalista, que nunha pregunta ao conselleiro subliñou o “desafortunado” que é suprimir o departamento de portugués precisamente nun centro que está situado apenas a un quilómetro de Portugal. “Queren tirar ao lixo unha oportunidade cultural, social e económica”, denunciou.
Segundo manifestou Ruanova, non hai “ningún criterio obxectivo” que xustifique a eliminación, máis se se ten en conta que o departamento foi o primeiro de Galiza en formalizarse arredor da lingua lusa, que hoxe estudan no centro preto de cen alumnos e alumnas. Só en primeiro da ESO, matriculáronse este ano 30 rapaces e rapazas, a cifra máis alta da historia do centro, destacou.
O deputado do BNG recalcou ademais que o IES San Paio de Tui está á vangarda no que ten que ver co ensino da lingua lusa, como demostra o feito de que o 100 % dos alumnos e alumnas deste centro que se presentan aos exames do CAPLE conseguen aprobalos.
“A decisión aquí non debería ser se suprimir ou non un departamento, debería ser a de reforzar este departamento, que conta cun único profesor, e exportar un formato de ensino referente a outros centros ao logo e ancho do País”, engadiu. No mesmo sentido, salientou que o portugués, como segunda lingua, “pode ter departamento perfectamente” , como ten a lingua francesa neste mesmo centro “que está máis preto de Valença que de Londres, Madrid ou incluso Compostela”.
Ruanova Boasvilas lembroulle ao conselleiro que a comunidade educativa está a pedir a rectificación da Consellería e que mesmo o pleno municipal de Tui aprobou por unanimidade, incluídos os votos do Partido Popular, unha moción do BNG que instaba á Consellería a dar marcha atrás “neste despropósito” que “atenta gravemente sobre a planificación de actividades escolares e extraescolares e dificulta, e moito, poder desenvolver actividades complementarias no ensino da lingua do noso País veciño”.