galegas 2024

BNG reafirma o seu compromiso para que o Centro de Atención con Diversidade Funcional sexa de xestión pública directa

Encontro Procapd
Encontro Procapd

Presas e Tabarés asinan o compromiso diante de membros da Plantaforma Procapd durante un encontro

Estabelecer un diálogo desde a Xunta de Galiza coas familias e facer realidade, á maior brevidade posible, a xestión pública e directa do futuro centro: eixos de traballo

O BNG reafirma o seu compromiso de cara ao 18-F para que o Centro de Atención con Diversidade Funcional sexa de xestión pública directa a través dunha sinatura da súa cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, e o número 2, Iago Tabarés. Durante unha reunión con membros da Plataforma Procapd, ambos candidatos comprométense a que, nun goberno galego de cambio liderado polo BNG, establecerase un diálogo constante das familias e facer realidade, á maior brevidade, a xestión pública directa do centro.

“Desde hai anos, a sociedade civil de Ourense, grazas ao esforzo de ducias de familias organizadas a través da Plataforma Procapd Ourense, vén reclamando a construción dun centro de atención con diversidade funcional público e de xestión publica que dea cobertura ás comarcas da zona de Ourense, toda vez que é a única parte do país que non ten un centro similar e que sofre unha discriminación histórica no acceso a este servizo público” versa o documento asinado por Presas e Tabarés diante das familias da Procapd.

Xa nas eleccións galegas de 2016 o Bloque Nacionalista Galego asinou un escrito comprometéndose a esta cuestión. Porén, durante anos esta demanda “foi incumprida, ralentizada e obstaculizada polo goberno da Xunta”. Oito anos despois, grazas ás esixencias e presións da sociedade, aproxímase a data de remate do futuro centro. Ademais, o goberno da Xunta non foi claro co futuro da xestión nin estivo habilitando os mecanismos necesarios para a súa xestión pública.

“Ante a cita electoral do 18 de febreiro, o Bloque Nacionalista Galego entende como unha oportunidade histórica para que exista un cambio galego liderado polo BNG” subliñan. Neste sentido, Noa Presas e Iago Tabarés, candidatos da formación nacionalista pola circunscrición electoral de Ourense, comprometémonos a, coa confianza que dean os galegos e galegas, seguir traballando en dúas direccións moi claras: “estabelecer un diálogo desde a Xunta de Galiza coas familias e facer realidade, á maior brevidade posible, a xestión pública e directa do futuro centro”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG