BNG reactivará a Lei de desenvolvemento do Naval para priorizar o sector no despegue industrial de Galiza

Aclunaga
Aclunaga

Bará avanza que o Bloque dende a Xunta convocará a mesa do naval con todos os axentes e apostará pola innovación, a especialización e o soporte financeiro para acometer novos proxectos

Garante o centro de reparacións navais na Ría de Vigo para que conseguir que a cidade sexa a grande locomotora industrial do país

O BNG reactivará dende o goberno da Xunta a Lei de desenvolvemento do Naval para darlle ao sector e a Vigo un lugar prioritario no despegue industrial de Galiza. Ese compromiso, xunto á posta en marcha do centro de reparacións navais na ría viguesa e a aposta pola innovación, especialización e o soporte financeiro para acometer proxectos, foi posto sobre a mesa nun encontro do cabeza de lista do Bloque, Luís Bará, con representantes da Asociación do Cluster do Naval Galego (ACLUNAGA).

O nacionalista garantiu que o goberno do BNG avogará polo desenvolvemento industrial de Galiza de base tecnolóxica e, concretamente, polo papel de Vigo como a grande locomotora industrial do país. Subliñou que no plan de desenvolvemento industrial o naval vai ocupar un lugar “absolutamente central” e anunciou a recuperación e posta en marcha a Lei do Naval do 2010 e a convocatoria da mesa do naval con todos os axentes do sector para desenvolver un plan de impulso con diversas liñas de actuación.

A investigación e a innovación –coa creación dun centro tecnolóxico-, a diversificación produtiva e a especialización na construción, a sustentabilidade e a descarbonización seguindo as últimas tendencias, a cualificación profesional e o relevo xeracional -un grave problema que ten o sector polas xubilacións que están ás portas-, a mellora das condicións laborais e a loita contra a precarización e a sinistralidade laboral, enumerou Bará, serán eixos no traballo do Bloque dende a Xunta para potenciar o sector.

Tamén subliñou que é precisa unha aposta decidida polo financiamento, polo que garantiu o soporte financeiro que permita acometer novos proxectos e captar pedidos tanto domésticos como internacionais, e que os proxectos galegos entren no Perte do Naval. Puxo sobre a mesa tamén a constitución da Xerencia Galega do Sector Naval, con participación das consellerías de Industria e de Traballo.
Bará, finalmente, anunciou a reactivación dun proxecto que leva xa máis de 15 anos gardado nun caixón da Xunta do PP, o centro de reparacións navais da ría de Vigo, “un proxecto que no seu día impulsou o BNG –lembrou- e que imos recuperar para que Vigo cumpra un papel central en todo o que ten que ver coas reparacións navais”. “A necesidade de diversificar o sector, xunto a falta de carga de traballo na construción naval, fan que a reparación e transformación de buques sexa un elemento fundamental para o futuro do sector na Ría de Vigo, clave para manter o coñecemento e a capacidade profesional do sector”, matizou.

“No BNG temos capacidade, experiencia e un proxecto de país para poñer o naval e a industria no centro das prioridades da creación de riqueza e da creación de emprego”, salientou, polo que pediu que o vindeiro 18F a formación nacionalista teña a posibilidade de demostrar a validez das súas propostas.

“Toda a xente que estea cansa da maneira de gobernar do Partido Popular, sa súa apatía e esgotamento, ten a alternativa do cambio no BNG, no que caben todas as maneiras de querer a Galiza”, dixo, solicitando unha participación masiva e que se xunten no Bloque todas as papeletas da xente que quere cambio.

Consellería de Industria

Pola súa banda, o portavoz municipal Xabier P. Igrexas sinalou que o legado de 15 anos do Partido Popular na área de Vigo foi a desertización produtiva e a destrución dunha parte moi importante do tecido industrial da cidade xunto á precariedade laboral.

Pola contra, asegurou, “o BNG liderado por Ana Pontón tras o 18F porá o país a producir e fará que Vigo volvamos ser ese potente e vizoso pulmón industrial de toda Galiza, blindando o futuro dunha actividade estratéxica e chave para Vigo, a comarca e o país, como é o sector do naval e as reparacións navais”.

O portavoz municipal lembrou os “sucesivos fiascos” de Pemex a Ritz-Carlton, pasando por “como o PP fixo desaparecer na práctica o antigo Vulcano”. Subliñou que o BNG vai despregar unha enérxica política industrial dende a iniciativa pública para asegurar que Vigo volva ter un papel destacado.

“Con propostas concretas, pero con algo moi importante: cun goberno liderado por Ana Pontón volveremos ter unha verdadeira Consellería de Industria, e unha verdadeira política industrial fronte á política de brazos caídos de Feijóo e Rueda que o único que fixeron foi que a cidade teña 7.400 postos de traballo menos dos que había no ano 2009”, finalizou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG