O BNG quer erradicar as touradas en Galiza porque "a tortura non é Cultura"

O BNG reclama unha reforma da lei de Protección dos animais para prohibir as touradas no territorio galego como ocorre en Cataluña e Francia

O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera presentou hoxe, en sede parlamentar, unha Proposición de Lei destinada a modificar a Lei 1/1993 de protección de animais domésticos e salvaxes en cautividade co fin de “prohibir as corridas de touros e os espectáculos taurinos que inclúan a morte do animal e a aplicación de pica, banderillas ou estoque”.

Acompañado da deputada nacionalista, Ana Pontón e o membro da Plataforma “Galiza mellor sen touradas” , Rubén Pérez , o portavoz parlamentario manifestou que “a tortura non é cultura” polo que defendeu modificar unha lei que permite utilizar a “violencia” e a morte de animais en espectáculos taurinos.

Neste sentido, afirmou que en Galiza “non existe tradición” na celebración de corridas de touros e a súa introdución, responde a un intento de homologación e asimilación cultural”, vinculada a unha “festa nacional” na que prevalece a crueldade animal.

En Galiza non existe tradición taurina

Pola súa parte, Ana Pontón asegurou que cada vez existe “maior sensibilidade” en Galiza contra esta celebración e explicou que a Proposición de Lei nacionalista responde a dous principios, “ contra unha práctica allea a Galiza e as nosas manifestacións culturais e unha práctica cruenta, anacrónica e espectáculo baseado no sufrimento dun animal”.

Para Pontón, a reforma proposta polo BNG incorpora principios de “respecto, protección e defensa dos seres vivos” e abre un debate social sobre a necesidade de erradicar no territorio galego as touradas como xa acontece en Cataluña e Francia.

O portavoz da Plataforma “Galiza mellor sen touradas”, Rubén Pérez denunciou as subvencións dalgúns concellos galegos na celebracións de festexos taurinos destacando a importante aportación de fondos públicos da Deputación de Pontevedra.

“Non hai afección e cada vez o seu impacto é menor”, e a pesar diso, dixo, cada vez os eventos taurinos reciben máis subsidios.Pérez puxo de manifesta a contradición dunha lei que persegue a tortura de calquera animal (un can, un galo...) e resulta compracente coa crueldade contra un touro, “estamos nun momento no que existe un gran apoio a abolición destes espectáculos”, concluíu.

A crise económica e un posible estoupido social

A preguntas dos xornalistas sobre as medidas propostas polo Goberno de Rajoy e a crispación social contra o incremento do desemprego, Jorquera afirmou que segundo todos os datos, estamos cada vez máis cerca dunha “hecatombe económica” e a non ser que se produza “un cambio de rumbo de 180º” resulta evidente que se cumprirá o que xa avanzou o BNG dende o inicio da crise económica.

“Cos recortes non se sae da crise, prolongase e fai máis difícil superala” sentenciou polo que pediu un cambio de rumbo político para que non se produza esa hecatombe tamén social.

Jorquera lembrou que o BNG vén de presentar unha campaña baixo o lema “ Non é unha crise é un roubo” para traballar cóbado con cóbado coa sociedade contra un modelo económico “inxusto e con medidas ineficaces contra a crise”.

O parlamentario do BNG indicou que debe producirse “unha resposta social unitaria” contra unhas políticas que consisten nun constante “saqueo ao pobo” polo que apelou a “confluencias con outras forzas políticas” e puntualizou que o BNG está aberto a coincidir estas forzas políticas “propias” para que no momento no que está en liza o modelo de Estado “Galiza non fique fora dese contexto”.

Sobre a proposta do Partido popular de reducir deputados na Cámara, Jorquera aseverou que se trata “dunha cortina de de fume ” para agochar a relación de Feijóo co narcotraficante Marcial Dorado e busca incrementar “a distorsión entre o que votan os cidadáns e o reflexo no Parlamento” con mecanismos para que o Partido popular continúe mantendo a súa maioría na Cámara galega.

O portavoz do grupo parlamentario do BNG cuestionou que a redución de deputados teña a súa base no aforro económico, “se o PP quixera reducir gastos, dixo, suprimiría as Deputacións como pediu o BNG no último pleno”, concluíu.

 

 

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG