Carme Adán advirte de que o actual contexto económico fai necesario adaptar as medidas de protección social á nova realidade, o que pasa por unha reformulación da RISGA
O Bloque Nacionalista Galego proporá no Parlamento que se estableza unha Renda Social para os cidadáns galegos e galegas, que priorice aos parados de longa duración á hora de definir os criterios para a súa concesión.
A deputada do BNG Carme Adán presentou en rolda de prensa esta iniciativa, que formularán a través dunha proposición non de lei e dunha emenda nos orzamentos, convencida, non obstante, de que as medidas de protección social nunca poden suplir a necesidade de crear emprego, deben ir acompañadas de plans de empregabildiade.
Reforma da Risga
A parlamentar nacionalista explicou que o actual contexto social, provocado polos alarmantes dados do paro e os niveis de empobrecemento, obrigan a prantexar novas fórmulas de protección adaptadas a esta realidade, por iso no BNG apostamos por unha reformulación viábel da actual RISGA.
Adán lembra que nestes momentos a demanda de RISGA aumentou un 50 por cento nos últimos anos e mudou o perfil da persoa demandante, pasando a ser da orde dun 70 por cento os que son parados de longa duración frente á situación anterior a 2008, na que os perfís correspondían con persoas en situación case de exclusión social total.
Estamos ante unha situación de emerxencia ante a que urxe abrir un debate e atopar solucións, e ahí ten que estar a administración galega, introducindo modificacións no borrador da Lei de Inclusión para dar pasos cara unha Renda Social Básica.