No transcurso das VII Xornada de Parlamento Aberto organizadas polo BNG sobre a I+D+i como motor de desenvolvemento, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón anunciou que no vindeiro Debate de Política Xeral previsto para os días 25,26 e 27 de setembro, o BNG proporá “un pacto galego pola Ciencia e a Innovación co 3% de investimento en I+D+i”.
Na apertura da xornada, a portavoz nacionalista destacou a importancia dos recursos na investigación pero tamén a orientación das políticas públicas, neste sentido, explicou que é necesario facer dende Galiza “unha xestión integra de todos os fondos en I+D+i”, recibidos dende os ámbitos europeo e estatal fuxindo da actual “política dispersa e complexa”.
A portavoz do BNG apostou por acabar “coa precariedade laboral” no ámbito da investigación polo que apelou a definir a consolidación da carreira investigadora para que o persoal científico e técnico poda desenvolver a súa actividade e “apostar por fórmulas que nos permitan captar e reter talentos”. Nesta liña avogou por crear modelos como o Instituto Vasco de Investigación Sanitaria (IKER) e propuxo crear en Galiza un modelo semellante baixo o nome -IMNOGAL- para acoller investigadores e investigadoras en ámbitos estratéxicos.
Por outra parte, a nacionalista fixo fincapé na necesidade de introducir a perspectiva de xénero en toda acción dende o ámbito público, cumprindo un dobre obxectivo: “incorporar máis mulleres ao ámbito científico, e blindar por lei que as mulleres científicas non se vexan obrigadas a abandonar a súa carreira profesional polo feito de ser nais”.
As VII Xornadas de Parlamento Aberto sobre I+D+i abordaron entre outros aspectos: a consolidación da carreira investigadora, a transmisión do coñecemento ao tecido produtivo e a precariedade laboral dos investigadores e investigadoras.
Na xornada participaron, o colectivo de investigadores/as post ou doctorais de Galiza, María de La Fuente, investigadora do SERGAS, Cristina Álvarez, bióloga e xefa da Unidade de Microbioloxía no Intecmar e César Resch, investigador no ámbito do sector lácteo