BNG volveu tender a man á Xunta no Parlamento galego para acordar un Pacto galego pola Ciencia que permita converter a I+D+i en motor de desenvolvemento do País situando de xeito constante e o financiamento público do sistema de innovación no 2% do PIB.
Así o propuxo a viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil, logo da comparecencia do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía para presentar a estratexia RIS3 de especialización intelixente de Galiza 2021-2027 que, segundo advertiu, nace “coxa e non corrixe as eivas detectadas na anterior” e evidencia que no Executivo do PP “non hai proxecto, nin visión integral nin vontade de facer do coñecemento e a innovación, de verdade e con instrumentos de planificación política, panca de desenvolvemento económico, pero tamén social, cultural e humano”.
A deputada nacionalista cuestionou que a nova RIS3 non incorpora ningún instrumento de corrección das eivas detectadas na anterior e cuxos resultados, segundo o propio informe de avaliación da Xunta, confirma o fracaso das políticas do PP nun dos ámbitos de actuación fundamentais para Galiza: as empresas innovadoras reducíronse nun 14% (de 997 a 853), o número de patentes pasou de 146 a 73, cando o obxectivo ademais era de 153, e o investimento en I+D+i atópase no 0,97% cando o obxectivo era alcanzar o 1,7% do PIB.
“Non é que non acadaran obxectivos, é que estamos en peor posición hoxe que a que tiñamos cando se elaborou a RIS3 anterior”, recriminou a tamén portavoz parlamentaria de Ciencia e Innovación, quen ademais censurou que a nova estratexia só se enfoca na innovación empresarial esquecendo por completo “a ciencia e a investigación e, o máis importante, as persoas que investigan e producen coñecemento”.
Galiza, entre o 25% das rexións menos innovadoras de Europa
Rodil recalcou que o sistema galego de I+D+i aínda arrastra as consecuencias dos grandes recortes do PP, especialmente entre os anos 2012 e 2016, feito que, xunto á inestabilidade no financiamento, explica en boa medida o feito de que Galiza se atope aínda hoxe entre o 25% das rexións menos innovadoras de Europa. De aí que na súa intervención insistira na necesidade de comprometer un financiamento constate e estable a través dun gran acordo de País.
Nesta liña, apelou de igual xeito ao reforzo do financiamento da ciencia básica, ao deseño urxente de todas as etapas da carreira investigadora -“porque a fase de estabilidade e consolidación non existe a día de hoxe e precisamos unha carreira investigadora baseada en 3 erres: reclutar, reter e retornar o talento que tivo que marchar fóra”, subliñou- e á creación de programas especializados dirixidos a tecer sinerxías entre os sectores tractores tradicionais (como o do automóbil, o téxtil ou o naval) con outros que son de enorme potencialidade para Galiza e entre os que citou ao biotecnolóxico, a ecoinnovación ou a dixitalización.
“Porque o que está pasando é que a innovación non está chegando á pequena e á mediana empresa e, sobre todo, á microempresa, que constitúe boa parte do noso tecido”, afondou, para afear a continuación que a nova RIS3 semella máis ben un documento para “cubrir expediente” para poder acceder aos fondos comunitarios sen ter en conta o seu encaixe nin nos fondos Next Generation, ni no Horizonte 21-27, ni no Pacto Verde Europeo nin no Programa Europa Dixital, plans de referencia aos que a estratexia da Xunta nin sequera fai mención.
“Van vostedes en piloto automático e permanecen como extraterrestres ante a realidade”, reprendeu ao vicepresidente segundo da Xunta para advertir que a nova RIS3 nin sequera aluda ás profundas transformacións en marcha, aceleradas pola pandemia e as tendencias globais, que sen dúbida marcan o presente e determinarán o futuro de Galiza e do mundo e que resumiu en tres: a transformación tecnolóxica-dixital; a enerxética-climática e a social-sanitaria. “Retrocedemos cando o resto avanza; están vostedes facéndolle perder oportunidades a este País nun momento crucial”, concluíu.