Incrementar o investimento público en I+D+i ata alcanzar progresivamente o 2,5% do PIB; deseñar unha carreira investigadora ao longo de todas as súas etapas para todo o persoal científico-técnico que desenvolve a súa actividade nos centros de investigación e prestación de servizos tecnolóxicos, e crear un programa de retención e captación de talento (Innogal) deseñado para permitir o retorno do persoal investigador emigrado, así como a captación de investigadoras e investigadores de excelencia.
Esta é a proposta do BNG presentada hoxe no Parlamento galego e que o PP xa avanzou votará mañá en contra, pese a que a viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil, defendeu con múltiples argumentos a necesidade de que a Xunta aposte dunha vez por todas por incrementar o investimento en investigación -actualmente no 0,98% do PIB, moi lonxe da media europea, situada no 2,5%- e por facilitar estabilidade ás persoas que desenvolven a súa actividade neste ámbito estratéxico para o país.
“As consecuencias da falta de investimento público, e tamén privado, xunto coa inexistente carreira investigadora fixéronse visíbeis na perda de competitividade de Galiza a respecto dos países da nosa contorna e tamén nos indicadores internacionais, principalmente os comunitarios”, explicou. Neste sentido, advertiu que dende 2011 Galiza presenta o nivel máis baixo de traballadores e traballadoras en actividades de I+D por cada mil persoas activas en comparación con Europa, España, Portugal e a rexión norte portuguesa, de acordo co informe publicado polo Foro Económico de Galiza en 2020.
No relativo a esta perda de competitividade, xunto á falta de investimento público, Rodil apuntou á precariedade e inestabilidade laboral que atinxe ao persoal investigador, debido á ausencia dunha verdadeira carreira investigadora e dun programa de retención e captación de talento forte, semellante a outros como o Ikerbasque ou o iCrea, nos que por cada millón investido obteñen de retorno 1,6 e 3,7 millóns, respectivamente.
Pola contra, lembrou que, segundo o informe “Fuga de talentos en Galiza: mito ou realidade” elaborado polo Foro Económico, “cada ano, o custe que supón a formación do talento que acaba emigrando supón unha perda de entre 178 e 311,5 millóns para Galiza, nun abano que depende do tempo que tarda un ou unha estudante en concluír a súa carreira”.
“Estas condicións laborais e a falta de oportunidades está a provocar unha enorme fuga de talento galego cara a outros países”, criticou, para recalcar a continuación que se algo está a demostrar a pandemia é que “os países que fan unha aposta pola investigación, a ciencia e o coñecemento teñen unha maior capacidade de resposta ante a crise, pero tamén de resiliencia”.
A xuízo de Rodil, a I+D+i “fainos máis fortes economicamente, pero de igual xeito máis soberanas” porque, segundo subliñou, hoxe en día “importamos coñecemento a distintos países, ao tempo que exportamos a eses mesmos países investigadores e investigadoras formadas aquí”. “Dende o BNG creemos que sen ciencia non hai futuro, pero tamén temos claro que sen condicións de traballo dignas non hai ciencia”, concluíu.