O BNG propón retirar as distincións e retratos de Juan Carlos I nos edificios do Parlamento e da Xunta

Luís Bará
Luís Bará
O deputado Luís Bará considera que a actuación do Rei emérito “é incompatíbel coa ética e cos valores democráticos”

O BNG rexistrou unha Proposición Non de Lei para debate en Pleno no Parlamento destinada a retirar as distincións e os elementos de homenaxe a Juan Carlos de Borbón, por considerar que a súa actuación durante o exercicio da Xefatura do Estado e logo da súa renuncia á Coroa “é incompatíbel coa ética e cos valores democráticos”. Nomeadamente, propón acordar a retirada do retrato situado no Salón dos Reis do Parlamento.

Ademais, o BNG propón instar o Goberno galego a deixar sen efecto o título de Embaixador de Honra do Camiño de Santiago, concedido polo Decreto 114/2017 a Juan Carlos I a título persoal e con carácter vitalicio, así como calquera outro título, honra ou distinción que lle fora outorgado, ademais de retirar todos os retratos e outros elementos que lle rendan homenaxe en edificios de titularidade da Xunta.

“A lei do silencio implantada durante décadas arredor da Casa Real coa connivencia de todos os estamentos do Estado permitiu construír unha imaxe deturpada e falseada da Monarquía borbónica e dos seus representantes que, na actualidade, é cuestionada abertamente por unha parte importante da sociedade e por medios de comunicación de todo o mundo”, explicou o deputado Luís Bará. “E por máis que se queira ocultar, silenciar ou branquear, a realidade é que a revelación da vida pouco edificante do chamado 'rei emérito' non é un problema de natureza privada senón que se trata dun feito de extraordinaria e grave transcendencia pública e institucional, que luxa a todas as institucións do Estado e que deixa en evidencia a institución monárquica, o réxime do 78 e a trama de intereses espúreos tecida arredor da Casa Real”, sinalou.

Esta iniciativa parlamentar enmárcase no contexto das revelacións xornalísticas sobre presuntos negocios ilícitos de Juan Carlos I, investigacións xudiciais sobre cantidades millonarias de diñeiro de dubidosa procedencia e sobre contas en bancos suízos, a perversa utilización do público para o beneficio privado, a renuncia en diferido por parte de Felipe VI á herdanza do seu pai, xunto co recente episodio de fuga aos Emiratos Árabes Unidos xestionado de común acordo entre a Zarzuela e a Moncloa nun intento desesperado de salvagardar a desprestixiada imaxe do Rei e da Monarquía son feitos “extraordinariamente graves, diante dos cales ningunha institución pode permanecer impasíbel”, afirmou o deputado.

“Neste exercicio de decencia e hixiene democrática inaprazábel, é fundamental a acción dos poderes executivo, lexislativo e xudicial, que non só non están cumprindo un papel exemplarizante senón que están intentando ocultar, branquear, minimizar ou levar ao terreo da actuación privada o que é un escándalo de grandes dimensións e con ramificacións na maior parte das institucións do Estado”, advertiu.

Para Luís Bará, “o Parlamento galego non pode permanecer impasíbel diante de feitos de tan extrema gravidade e en consecuencia debe acordar, na maior brevidade posíbel, a retirada dos honores e distincións concedidos a Juan Carlos I e, nomeadamente, a exhibición de imaxes que homenaxeen a súa figura”. Pola súa parte, o Goberno galego debe ter tamén unha actitude exemplarizante e retirar todos os títulos, mencións e honores concedidas ao chamado “rei emérito” así como retirar das súas dependencias aqueles elementos como bustos, placas ou retratos que lle rendan homenaxe.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG