Municipais 2023

BNG propón rehabilitar as antigas Naves de Ojea para beneficio da veciñanza de Cangas

Cangas
Cangas

Araceli Gestido, cabeza de lista do BNG na vila, comprométese a transformar a área e instalacións das naves para destinalas a uso público a partir do 28M cun goberno encabezado pola súa formación

Néstor Rego: “É necesario un goberno do BNG en Cangas e un BNG forte no Congreso para poder condicionar as políticas que leva a cabo o Goberno do Estado para mellorar a vida da veciñanza”

O Bloque Nacionalista Galego propón a transformación, a través da rehabilitación e cesión, das Naves de Ojea para que a veciñanza de Cangas poida gozar destas infraestruturas e o seu entorno. A candidata do BNG á alcaldía, Araceli Gestido, avanza o compromiso da organización nacionalista para dotar a vila de máis espazos públicos e verdes a partir do 28M cun goberno, liderado polo BNG, que pense no ben común e facendo que o concello avance e transforme en positivo. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, sinala a necesidade dun BNG forte nas institucións para impulsar políticas públicas que garanta a mellora da vida das persoas.

A frente nacionalista defende a recuperación e rehabilitación das Naves de Ojea, así como a posta en valor de todo o entorno para o beneficio de toda a veciñanza de Cangas. Segundo lembra a cabeza de lista do BNG nas vindeiras eleccións municipais, existen acordos plenarios que “sinalan a necesidade de rematar co abandono destes terreos do municipio” mais, a día de hoxe, o actual goberno local “non tomou as rendas da situación”.

“É preciso un goberno liderado polo BNG para dotar a vila de Cangas de máis espazos públicos. Son elementos fundamentais da socialización e da cohesión social e deben poder ser empregados por toda a poboación. Espazos accesíbeis, de calidade, seguros e con usos plurais” defende Gestido.

A partir do 28M, continúa Araceli, o BNG desenvolverá “no Goberno de Cangas, todas as actuacións necesarias para que o Goberno do Estado leve a cabo a desafectación das naves e rehabilite esta infraestrutura, así como a cesión ao propio Concello para pólo á disposición da veciñanza canguesa”.

Por outra parte, o deputado do BNG no Congreso destaca o labor desenvolto nesta lexislatura na cámara baixa para lograr que o Goberno do Estado desbloquee a desafectación das naves en Cangas e a súa posterior cesión ao Concello. “Rexistramos diversas iniciativas para que o Ministerio de Facenda, encargado da tramitación do expediente axilizase o procedemento administrativo” lembra. Sorprendentemente, continúa Rego, o Goberno respondeu que non lle consta ningunha solicitude de desafectación das Naves de Ojea. “Temos o compromiso de que, cando o BNG asuma a alcaldía, inmediatamente realizaremos todas as accións posíbeis para que sexan desafectadas o máis rápido posíbel” asevera.

Alén do máis, a frente nacionalista rexistrou emendas en todos os proxectos de Orzamentos para dotar dunha partida específica “a reparación do recheo da zona de Ojea que posúe danos na estrutura, mesmo con zonas perigosas para a integridade das persoas e vehículos que circulan por este espazo e recuperar a helisuperficie para a aterraxe de helicópteros en situacións de emerxencia”. A pesar da defensa do BNG, os partidos que compoñen o Goberno -PSOE e UP- votaron en contra destas emendas.

“É necesario un goberno do BNG en Cangas e un BNG forte no Congreso para poder condicionar as políticas que leva a cabo o Goberno do Estado para mellorar a vida da veciñanza do Morrazo. A través de políticas públicas transformadoras como, por exemplo, coa dotación de espazos públicos como os que estamos hoxe a defender” conclúe.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG