O portavoz de Economía e Industria do BNG, Iago Ruanova, defendeu no Pleno do Parlamento unha proposición non de lei co obxectivo de evitar a deslocalización de empresas, especificamente daquelas que teñen recibido axudas da Administración galega. Ruanova reclamou a creación de instrumentos legais que obriguen ás empresas beneficiarias de subvencións a manter no País a súa actividade e os postos de traballo ou, no caso contrario, devolver os cartos recibidos.
A lexislación actual non está sendo efectiva para evitar o traslado de empresas e incluso de coñecemento, considerou Ruanova, quen advertiu que “ é difícil atopar un sector produtivo ou de servizos que non aplicara mecanismos de deslocalización nos últimos tempos”, dende o téxtil, até a automoción, a industria vencellada ao mar, o naval ou as telecomunicacións. “As últimas informacións advirten da desviación fóra do noso territorio, do groso da actividade produtiva, por parte de preto de cincocentas empresas, que aínda así manteñen a súa matriz en Galiza”, apuntou.
O deputado nacionalista lamentou o voto en contra á iniciativa e o “pasotismo absoluto” do PP malia situación que se está a vivir, especialmente, no sector da automoción, o máis afectado pola deslocalización de empresas, sobre todo no que ten que ver coa fabricación de compoñentes ou coa fabricación de vehículos no caso concreto de Stellantis. A contía do investimento comprometido a esta empresa, subliñou aludindo aos datos da propia Xunta, ascende a preto de 81 millóns de euros nun período de dez anos.
Malia as axudas comprometidas, Stellantis está incorrendo nunha “escalada abusiva” de deslocalización de pedidos en base a criterios puramente económicos, o que “está a deixar nun fío o futuro de centos de traballadoras e empresas”, recalcou. Referiuse ademais “como un dos casos máis sanguentos” á fabricación do novo modelo K9 en Vigo, para a que o Goberno galego, a través do Igape, desembolsou preto de dous millóns de euros que non van evitar que finalmente este vehículo acabe fabricándose en Turquía.
O K9, de Vigo a Turquía cos cartos dos galegxs
“A plataforma do K9 creouse en Vigo, concibiuse para Vigo e debería xerar valor engadido e emprego de calidade en Vigo, pero finalmente acabará por fabricarse en Turquía, creando emprego en Turquía e xerando valor en Turquía, e grazas aos cartos das galegas e dos galegos”, denunciou, subliñando tamén o millón de euros en convenio co clúster das TIC, os 4 millóns para a CTAG ou os 4 M€ para o grupo Antulo, cun ERE sobre preto de 120 persoas.
A iniciativa do BNG tiña por obxectivo evitar tamén casos como o da industria téxtil, “que foi orgullo empresarial do País e que como norma dun tempo a esta parte deslocalizou innumerábeis actividades, chegando na pasada década á cifra de 25 unidades produtivas por ano cara Portugal, Marrocos ou Tunisia”, explicou o deputada nacionalista.
É por iso que o deputado nacionalista propuxo en primeiro lugar que o Goberno galego revise aquelas subvencións concedidas a empresas que deslocalizaran actividades total ou parcialmente e, de ser viable, demandar a súa devolución. Defendeu, así mesmo, que as bases reguladoras das convocatorias de axudas públicas contemplen apartados específicos na loita contra a deslocalización, impedindo o acceso ás mesmas a empresas que incorreran no pasado nesta práctica e contemplando a devolución para aquelas que o fagan a posteriori.
A iniciativa que defendeu o portavoz de Industria do Bloque instaba tamén á Xunta a elaborar con urxencia un proxecto de lei con medidas no mesmo sentido, coa finalidade última de conseguir que o diñeiro público investido en subvencións teña un retorno eficaz e efectivo para Galiza.
Ruanova destacou que outros territorios, como Euskadi ou Navarra, teñen ferramentas xurídicas na mesma liña que a presentada polo Bloque para que “os cartos que son das galegas e os galegos revertan na súa totalidade en mellorar a capacidade das empresas que aposten por desenvolver en Galiza, e sobre todo, mellorar as condicións de quen habita e traballa neste País”.
Criticou por iso que o PP se instale no non sistemático a toda iniciativa que aposte por blindar sectores estratéxicos autóctonos, mentres pretende “regar” con 250 millóns de euros unha “bomba ambiental” no corazón de Galiza “para encher os petos de señoritos sentados a quilómetros da nosa terra”.
“Hai dous xeitos de ver os nosos sectores produtivos, o do pasotismo absoluto e da política de brazos caídos do PP, e o do BNG para avanzarmos en blindar que os fondos públicos aseguren proxectos pensados en Galiza, implantados en Galiza e que revertan en Galiza!, afirmou, para concluír: “Aquí hai unha bancada que prefire bailar ao ritmo de ‘menos mal que nos queda Portugal’, pero no BNG quedámonos con ‘miña terra galega’”.