BNG propón unha mesa industrial sobre Barreras que garanta a continuidade do emprego e o PP veta a iniciativa parlamentaria

Carmela González
Carmela González
Carmela González recrimínalle a súa negativa a actuar para priorizar a subrogación do persoal no novo proxecto de Armón para o estaleiro

O BNG defendeu no Parlamento galego unha proposición non de lei para instar á Xunta a constituír, conxuntamente co Goberno estatal, a empresa Armón e as centrais sindicais da comarca de Vigo, unha mesa sobre Barreras que promova a integración de todo o persoal de Barreras na nova sociedade resultante do proceso concursal en réxime de subrogación.

De igual xeito, o Bloque avogou por que a nova sociedade teña a súa sede social en Vigo e por facilitar a súa introdución con solvencia nos segmentos do mercado da construción naval e das tecnoloxías marítimas con maior valor engadido e maior volume de emprego. Así mesmo, a iniciativa nacionalista inclúe a readmisión do representante legal do cadro de persoal do estaleiro para evitar que se lle poidan causar prexuízos irreparables nos seus lexítimos dereitos.

Para a deputada nacionalista Carmela González, e ante as dúbidas sobre os plans de Armón para o estaleiro, “a Xunta de Galiza é a gran ausente” xa que, segundo recalcou, “estivo desaparecida durante todo o proceso concursal e desentendeuse da busca dunha alternativa industrial”.

“As dúbidas sobre o proxecto industrial de Armón para Barreras non fan senón incrementar o medo a un novo fracaso no estaleiro e na industria naval de Vigo e que se pretenda reactivar a actividade dun estaleiro desta dimensión prescindindo do seu persoal é difícil de entender”, reprochou González ante o inminente despido de máis dun cento de traballadores e traballadoras ante a inacción do Executivo do PP, logo da autorización xudicial da venda da unidade produtiva de Hijos de J. Barrera a Armón.

A deputada do Bloque recriminou ao Goberno galego que nin participara no seu momento na busca dunha alternativa industrial para o estaleiro nin que “agora tampouco está a ter ningunha participación na negociación xa comenzada do ERE para o despedimento do persoal”, do que ademais salientou que “está altamente cualificado e conta cunha ampla experiencia no sector”, nun momento no que, ademais, “a perda das e dos mellores profesionais está a ser unha das dificultades que atravesa o sector”.

Así pois, instou ao Executivo do PP a actuar para priorizar a subrogación do persoal no novo proxecto de Armón e, neste sentido, indicou que “ten ferramentas para negociar coa empresa e evitar o despedimento de máis de 100 persoas que traballan en Barreras”. “A Xunta ten competencias en materia de industria e urxe que as exerza”, recalcou, para reprobar logo do debate parlamentario que o PP rexeitara, como todas as anteriores neste sentido, unha iniciativa que procura garantir o mantemento do emprego do estaleiro.  

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG