O BNG propón incluír na FP a titulación de socorrista

Cosme Pombo critica que Galiza non conte con esta disciplina coa lonxitude de costa galega e potencialidade laboral da titulación

O portavoz de Educación do BNG, Cosme Pombo, presentou hoxe en sede parlamentar diversas iniciativas destinadas a incluír na Formación Profesional a titulación de Técnico Deportivo en Salvamento e Socorrismo a través dos graos medio e superior.

No transcurso da rolda de prensa,o nacionalista afirmou que na actualidade esta titulación non existe en Galiza mentres en Canarias xa iniciaron os trámites para impartila en varios centros o vindeiro curso.

Para Cosme Pombo, en plena campaña do verán resulta necesario que os socorristas garantan a seguridade das persoas que acoden ás praias e ríos galegos, “porque lamentabelmente, dixo, neste comezo de verán segue sendo noticia a perda de vidas na costa galega”.

Recortes tamén para  socorristas nas praias galegas

O deputado, denunciou que os recortes implantados pola Xunta de Galiza “non poden xustificar a ausencia de socorristas nas praias galegas” polo que demandou a oferta da titulación para dotar de profesionais na nosa costa.

Pombo lembrou que o Consello da Xunta, o pasado 16 de maio, afirmou ter adaptadas 65 ciclos formativos ás necesidades do tecido produtivo e a necesidade de adecuar os plans de estudos para que os titulados se correspondan coa demanda de profesionais, neste sentido, asegurou que en Galiza “ninguén conta co titulo de socorrista” homologado con Europa.

O nacionalista dixo que Galiza é “o país dos mil ríos, das rías e das bandeiras azuis” e tamén debera ser quén de preparar a mocidade con opcións de futuro para non ter que emigrar. É certo, explicou que nas praias galegas hai socorristas capacitados a través da realización de cursos que a partir de agora e durante cinco anos deberán homologar a súa capacitación cara o titulo ou ben de profesionalidade.

Neste sentido, cuestionou a intención da Xunta en dilatar no tempo a posibilidade de impartir o ciclo medio de Técnico en Salvamento e Socorrismo e permitir que “empresas privadas avalíen aos profesionais do socorrismo”.

Pombo tamén afirmou que en Galiza, só a Academia Galega de Seguridade Privada oferta dous cursos con trinta persoas e outro curso para entregar a certificación con quince prazas, sen embargo, son rexeitadas a maioría das peticións para unha acreditación de competencia, “ obrigando aos socorristas a recorrer a academias privadas para acceder á devandita acreditación”

O BNG, concluíu, considera que para mudar esta situación é preciso incluír na FP a titulación de socorrista e nesta liña defenderá unha Proposición non de lei na vindeira lexislatura.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG