O BNG consideramos clave para o progreso social que as administracións públicas sexan un motor de promoción do libro e da lectura, para ter unha cidadanía máis informada, máis libre e máis feliz. Fronte a isto, o goberno do PP dedícalle ao libro galego en 2023 un orzamento un 58% menos que o que se destinaba en 2009. “Estes recortes afectan a todas as áreas: edición, ilustración, tradución ou dotación de novidades nos fondos para bibliotecas”, indicou Pontón.
“Esta política de recortes do PP tradúcese na desgaleguización da infancia e da mocidade, na caída das vendas do libro en galego en librarías, na ausencia dun Plan do libro e da lectura, na falta dunha¡ Lei de bibliotecas, en 103 concellos sen biblioteca pública, e na carencia de hai promoción internacional do libro galego”, denunciou a portavoz nacional.
Isto adquire unha especial gravidade nunha cidade como Vigo, onde teñen sede algunhas das editoriais máis importantes do País. Por iso, o BNG presentou catro propostas para mudar esta situación, facilitar e promover a edición do libro en galego.
A primeira delas é a creación Pacto Social pola Lectura que articule un plan transversal de fomento da lectura. A segunda, baséase nun Plan de impulso económico para o sector do libro que permita duplicar o investimento actual nos orzamentos da Xunta. A terceira medida pasa por impulsar a relevancia social do libro e da lectura desde os medios de comunicación públicos. E finalmente, a cuarta, consiste na creación do Instituto Rosalía de Castro que, entre outras funcións proxecte a lingua, literatura e cultura galegas no exterior.
“No BNG consideramos que a cultura debe ser obxecto dunha política pública como a educación ou a sanidade”, sinalou Pontón, “e por iso estamos traballando tamén na elaboración da Lei Galega da Cultura para garantir o dereito ao acceso á cultura en galego”.
Vigo, cidade do libro
De por parte, o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, apostou en potenciar a creación literaria e editorial para “convertermos Vigo, que fomos o berce do rexurdimento das letras galegas, na grande cidade do libro”.
“Os libros son a chave de acceso para atravesar a grande porta da cultura e o coñecemento. Sen cultura non hai cidadanía e sen cidadanía non pode haber cidade”, afirmou defendendo a promoción do libro e da lectura como o mellor medio para “democratizar o acceso social á cultura para humanizar de verdade Vigo”. Ademais, valorizou a potencialidade do libro e da lectura como ferramenta para avanzar cara a plena normalización do galego na cidade.
O candidato trasladou algunhas das propostas concretas que o BNG vai incorporar no seu programa de cara as vindeiras eleccións municipais. Entre elas salientou a posta en marcha dunha Semana da Literatura en Vigo, potenciando a Feira do libro e incluíndo un certame literario municipal e un Fórum Editorial con perspectiva internacional e apostando na proxección e relacionamento coa lusofonía. “De pouco serve gabarnos do vizoso sector editorial de Vigo ou das grandes autoras e autores que temos na cidade, se ese orgullo non se traduce en políticas públicas que potencien e acheguen os libros”, enfatizou,
Aliás, a fronte nacionalista defende a creación dun Programa Municipal de Promoción da Lectura e o despregamento dunha Rede de Bibliotecas en todos os barrios e parroquias, como a aberta en 2011 no Calvario grazas á acción de goberno do Bloque. “A maior cidade de Galiza merece moito máis que unhas poucas salas de lectura nas que non hai, literalmente, nada para ler”, reivindicou Igrexas sinalando que as recomendacións de diferentes organismos internacionais apuntan que debe haber unha biblioteca de barrio por cada 15 mil habitantes. “Infelizmente, o desleixo do actual Goberno fixo que só haxa unha para toda unha cidade de 300 mil”, remachou.
Pontón: “Non é democrático ter privilexios por apelidarse Borbón”
Con respecto á visita do emérito a Galiza, Pontón indicou que “calquera cidadán que tivese un problemas con Facenda non tería á policía protexéndoo, senón ao contrario”, recalcando que “non é democrático que por apelidarte Borbón teñas privilexios que non ten o resto da cidadanía, ademais dunha fortuna sobre a que non temos ningunha declaración”.
A portavoz nacional sinalou que “esta situación pon en entredito o propio funcionamento do sistema democrático, onde vemos que non todas as persoas somos iguais ante a lei”. O BNG considera que, leve o apelido que leve calquera cidadán ou cidadá, todo o mundo ten que ter as mesmas obrigas e non se poden permitir os privilexios que se poden constatar nestes días.
Pontón celebrou que “cada visita do emérito sobre a conciencia republicana, e isto é moi positivo porque, nunha sociedade verdadeiramente democrática, deberíamos de poder escoller libremente ao xefe de Estado sen ningún tipo de designacion real,” algo que tachou de ser “un anacronismo en pleno século XXI”.