Parlamento Galego

O BNG propón cambios no gasto dos orzamentos de 1.200 millóns de euros e medidas fiscais que suman 225 millóns

Noa Presas
Noa Presas

O BNG presentou unha batería de emendas de transferencia entre consellerías que implican modificacións nas partidas de gasto por valor de 1.200 millóns de euros e modificacións fiscais que suporían uns ingresos adicionais de 225 millóns de euros.

En relación as propostas fiscais, a portavoz de Economía, Noa Presas, explicou que os cambios “non afectan ao aforro das maiorías sociais senón que implican apostar por un novo modelo económico, fiscal, ambiental e social e corrixe o modelo tributario regresivo do PP”. A cifra adicional viría de darlle maior progresividade ao IRPF e ao IS reducindo o mínimo exento e modificando a tarifa daqueles que superen os 60 millóns de euros. Tamén con novos impostos.

Entre eles a taxa a bebidas con exceso de azucre, gravar as vivendas baleiras por máis de dous anos sen causa xustificada, -hoxe a principal inmobiliaria é a SAREB e fondos voitre-, imposto ás comunicacións electrónicas, ás grandes superficies ou unha taxa ás redes de alta tensión.

Nas partidas de gasto, os cambios introducidos polo BNG establecen as súas prioridades: dar resposta ás necesidades da sociedade, afrontar a crise industrial e recuperar os servizos públicos danados tras unha década de recortes, sintetizou Presas.

A destacar: destinar o 1% do orzamento (126millóns de euros) á loita contra a violencia machista, -“menos lamentos e máis orzamentos”-, sintetizou a deputada, o que permitiría financiar un Plan contra a violencia machista; destinar 4millóns de euros a financiar unha estratexia contra a fenda salarial, 12 millóns de euros para sufragar un programa de desenvolvemento e cooperación para as comarcas afectadas pola transición enerxética ao que se engade 22 millóns de euros para un plan de reactivación económica urxente contra a deslocalización de empresas.

En relación a outros sectores económicos, Presas propuxo un plan estratéxico para a pesca de baixura e de recuperación do marisqueo, un grupo lácteo galego e un banco de terras agrarias.

Dentro do apoio ao sector industrial, o Bloque inclúe cambio no gasto inicial para destinar 6 millóns de euros a poñer en macha unha estratexia para o sector naval, 35 millóns de euros para un plan pola ciencia e a innovación e 5 millóns de euros para un programa de consolidación da carreira investigadora.

Benestar social e servizos públicos absorben parte das prioridades de gasto do Bloque, con 200 millóns de euros para atención primaria e propostas como un plan de emprego na sanidade pública e recuperación dos acordos de 2010, plan de saúde mental, ampliación da cobertura bucodental ou un plan de choque contra as listas de espera. En dependencia, a proposta pasa por poñer en marcha a planificación dun sistema público de servizos sociais e eliminación das listas de espera.

En materia de integración social, o BNG destina 90 millóns de euros para financiar unha renda de garantía social e laboral para aquelas persoas que non teñan ningún ingreso, e 40 millóns de euros para incrementar as pensións non contributivas e os subsidios. E no eido educativo, a formación nacionalista coloca entre as prioridades de gasto a posta en marcha dun plan de recuperación dos servizos públicos educativos, aumentar os fondos do SUG, luz programa de gratuidade dos libros de texto e un plan de recuperación da xestión directa dos comedores escolares e incrementar as bolsas ao alumnado universitario.

En definitiva, concluíu Presas, “precisamos uns orzamentos que se adapten á realidade e ás necesidades do presente, ou corremos o risco de que cando se vexan as cousas máis claras sexa demasiado tarde”.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG