Galegas 2020

O BNG propón unha axenda urbana para conseguir vilas e cidades saudábeis e sustentables que planten cara á emerxencia climática

Axenda urbana
Axenda urbana

Rodil insta a unha gran mobilización o 12X a favor do cambio galego que tamén significa apostar por un modelo de concellos no que o centro sexan as persoas

Reducir as emisións de efecto invernadoiro, calmado de tráfico, xestión eficiente de residuos, compostaxe, entre as medidas incluídas na proposta ambiental do BNG

Coa bicicleta como símbolo dunha mobilidade sustentable capaz de reducir as emisións contaminantes, recuperar espazo público para as persoas e avanzar nun modelo de vilas e cidades sustentables, o BNG presentou en Lugo a súa proposta de axenda urbana 2020-2030 incluída no programa de goberno demostrando que desde Galiza tamén se pode combater a emerxencia climática, como xa se está facendo en concellos referentes nos que goberna a formación que lidera Ana Pontón, como a cidade de Pontevedra ou a vila de Carballo.

Olalla Rodil, cabeza de lista por Lugo, salientou que a proposta do BNG parte do obxectivo de “avanzar no deseño de vilas e cidades máis humanas, sustentables e capaces de enfrontar o desafío do cambio climático, que centren e deseñen as políticas pensadas para as persoas”, explicou, unha cuestión urxente que unha pandemia como a da COVID19 non fixo senón poñer aínda máis en primeiro plano a necesidade de apostar por concellos “saudábeis con espazos públicos de calidade”.

“Dentro desa aposta por concellos humanizados e sustentables, o BNG ten como medida do seu programa de goberno a implantación dunha axenda urbana 2020-2030 en consonancia cos obxectivos marcados pola ONU en termos de sustentabilidade e de loita contra a emerxencia climática”, explicou Rodil, “un modelo de axenda urbana deseñado desde Galiza para colocar ás vilas e cidades do noso país na vangarda da loita contra a crise climática, con concellos a medida das persoas e cunha mobilidade respectuosa co medio ambiente e tamén con patrimonio, como é no caso de Lugo a muralla romana bimilenaria”, sinalou.

A premisa é que o espazo público “é un dereito fundamental”, en particular pensando nos colectivos máis vulnerables. Nestes sentido, o Bloque avoga por garantir “un acceso universal para as persoas, en particular as que teñen unha mobilidade reducida, pero tamén para os nenos e as nenas”, indicou Rodil.

Entre as principais propostas que conforman a axenda urbana de preservación ambiental: minimizar a contaminación urbana de todo tipo, industrial, residencial e, especialmente a asociada ao tráfico rodado. Esta última estaría centrada en medidas de redución e calmado de tráfico, medidas para a recortar as emisións de gases de efecto invernadoiro e para lograr que os asentamentos humanos sexan cómodos, agradábeis e seguros, con especial énfase na actualmente moi deficitaria seguranza viaria. Igualmente, a axenda urbana que defende o BNG aposta potenciar a prevención, reutilización e reciclaxe de todo tipo de residuos xerados polas actividades produtivas e tamén os residuos urbanos que xera a poboación, neste caso por exemplo fomentando a compostaxe coa máxima proximidade posíbel ao lugar de xeración.

Tamén inclúe propostas para reducir o consumo de enerxía dos servizos urbanos: ciclo da agua con especial énfase na minimización de fugas, iluminación pública, e uso de enerxías renovables en edificios públicos.

“Este 12 de xullo temos a oportunidade de abrir un tempo novo en Galiza e desde o BNG estamos convencidas de que ese tempo consiste tamén en deseñar un modelo urbano alternativo pensado para que as persoas o desfruten, o gocen e transiten por el, un modelo para garantir unha mobilidade que reduza as emisións e contribúa a combater a crise climática”, concluíu Rodil.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG