A senadora do BNG, Carme da Silva, defende converter o Faro de Ons nun Museo do entorno natural, cultural, marítimo e histórico da zona e do Parque Nacional das Illas Atlánticas. O BNG rexistra iniciativas para que o Goberno atenda a demanda unánime do Concello de Bueu e das asociacións e colectivos do municipio para que a Autoridade Portuaria Pontevedra-Marín proceda á desafección do faro e teña un uso público e cultural e convertelo nun Museo.
Ante a intención de destinar o Faro da Illa de Ons a usos hoteleiros, o Concello de Bueu, así como asociacións e organizacións locais, levan meses demandando que se converta nun Museo co obxectivo de darlle un uso social, cultural e público, despois de que se levara a cabo a automatización deste faro hai un ano. “A experiencia dinos que cada vez se automatiza un faro, comeza o seu declive e o descoido do inmóbel ou termina en usos privados de hostalaría ou usos hoteleiros que desnaturalizan a súa esencia e non contribúen á posta en valor do patrimonio” apunta da Silva.
“Cremos que o Goberno debe atender a demanda veciñal, política e social de Bueu e posibilitar o uso público deste emblemático faro para converterse nun museo que conte o legado histórico, cultural e patrimonial da zona. Ademais, é a opción máis sustentábel dado a contorna natural en que se atopa” subliña a senadora do BNG. Para isto, explica Carme da Silva, é fundamental que a Autoridade Portuaria Pontevedra-Marín leve a cabo á desafección do Faro.
Miradoiro único sobre as Rías Baixas. O Museo completaría a visita as Ons
A proposta, que conta coa unanimidade da corporación municipal e o apoio das asociacións e organizacións culturais de Bueu, conta tamén co apoio do ámbito académico universitario e social. “É unha proposta que os diferentes colectivos culturais e sociais traballaron durante estes meses recollendo documentación chegando a ter argumentos moi sólidos para converter o Faro de Ons nun Museo” incide a senadora. De facto, a opción de converter este Faro nun museo completaría a visita á illa do punto de vista cultural, histórico e patrimonial xa que Ons recibe cada ano máis de 130.000 visitantes.
Considérase que o edificio en si mesmo é un museo xa que conserva moitos elementos orixinais da súa inauguración en 1926: as baldosas de cerámica da “Cartuja” que recobren as paredes ou o teito que está recuberto con madeira de cedro. Conta tamén cunha sala museo con material de importancia náutica e histórica.
Dadas as súas dimensións, continúa a senadora nacionalista, poderíanse habilitar outras zonas para uso museístico onde expoñer contidos “sobre a historia marítima da zona, sobre os naufraxios, sobre o labor dos fareiros nas illas, sobre a sinalización marítima, información sobre o Parque Nacional dás Illas Atlánticas da que forma parte esta illa, entre outros”.
Por último, a senadora do BNG sinalou a necesidade de dar a coñecer o papel que tiveron os fareiros. “A desaparición dos fareiros é unha perda irreparable desde un punto de vista histórico, social e do patrimonio cultural. Os fareiros tiveron un papel importante tamén na vida da illa ao exercer en moitas etapas como profesores ou mestres” engade. Tiveron un rol relevante na historia marítima da Ria de Pontevedra e das Rías Baixas, sendo testemuñas de numerosos naufraxios e parte activa na mellora da seguridade marítima da zona.