O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas nas Cortes do Estado relativas aos usos da Illa de San Simón e á súa declaración e protección como Lugar de Memoria. Ante as actividades lucrativas que se están a desenvolver na illa por parte de empresas privadas, a senadora do BNG pregunta a opinión do Goberno ao respecto e se realizou un seguimento de se se está a respectar a condición relativa ao acceso público e gratuíto á Illa de san Simón. Por último, Carme da Silva defende iniciar o procedemento para declarar “Lugar de Memoria Democrática” a Illa de San Simón.
O Ministerio de Medio Ambiente outorgou á Xunta de Galiza a concesión da ocupación de terreos da Illa de San Simón –ben pertencente ao dominio público marítimo-terrestre- para usos relacionados cos recursos mariños en 1997. Posteriormente, en 2001, autorizouse unha modificación na concesión para levar a cabo as obras contidas no “Plan Director das Illas de San Simón e San Antonio” substituíndo as condicións de uso contidas na anterior concesión.
A concesión de 2001 é a que está vixente e estipula que “a illa non poderá dedicarse a usos distintos dos incluídos na concesión”, e mesmo recolle como uso principal o docente e cultural, “quedando expresamente prohibido o uso hoteleiro”, estabelecéndose así mesmo que a administración do Estado informará con carácter vinculante os proxectos de xestión directa ou indirecta que se presten nas illas. “Ademais, quedou fixado o principio de acceso público e gratuíto” recorda a senadora do BNG. Con posterioridade, a Xunta de Galiza declarou as Illas de San Simón e San Antonio como Ben de Interese Cultural coa categoría de sitio histórico.
“A Illa de San Simón ten un grande valor simbólico como espazo da memoria histórica galega, por ter sido un triste escenario da represión franquista entre 1936 e 1943, así como tamén, lugar da loita pola liberdade, da solidariedade e da resistencia democrática fronte ao fascismo” subliña Carme da Silva. Neste sentido, un dos obxectivos fundamentais, tal e como consta aínda agora na páxina web da Xunta de Galiza, é o fomento da memoria histórica a través de accións de investigación, análise e divulgación sobre a base do acontecido no arquipélago, que entre 1936 e 1943 foi convertido en cárcere de presos políticos e espazo de represión polo réxime da Ditadura de Franco.
Este tráxico pasado, explica da Silva, ten convertido a San Simón “nun símbolo da dignificación das súas vítimas, e no máis axeitado escenario para traballar na recuperación da historia recente da Galiza e fortalecer na nosa sociedade os valores democráticos e de respecto aos dereitos humanos e civís”.
Protexer o lugar e facer xustiza
A Lei de Memoria Democrática aprobada en 2022, recolle que a Administración Xeral do Estado ten a competencia para declarar como “Lugares de memoria democrática” os espazos ou paraxes en que se tivesen desenvolto feitos de singular relevancia e significación histórica vinculados á memoria democrática e a represión e violencia sobre a poboación como consecuencia da resistencia ao Golpe de Estado de xullo de 1936, a Guerra ou a Ditadura.
Neste sentido, e ante o uso que se está a facer actualmente da Illa, o BNG pide ao Goberno do Estado iniciar o procedemento para declarar Lugar de Memoria Democrática á Illa de San Simón. Este trámite, que debe iniciarse de oficio pola Dirección Xeral competente en materia de Memoria Democrática, obrigaría a que as administracións estarían obrigadas a garantir a súa protección e facer xustiza.