O Bloque presentou o primeiro tramo da candidatura ás eleccións municipais no Concello de Ordes, nunha lista encabezada por Pablo Vidal e da que tamén forman parte Paula Castenda, Gonzalo Veiras, Rebeca Cambeiro e Chus Regueiro. Unha candidatura que o aspirante a Alcaldía definiu como a única alternativa para un cambio real en Ordes, “porque o resto, máis aló de matices, representa o mesmo”, indicou.
“Presentámonos sen renunciar a nada e coa responsabilidade de saber que a responsabilidade de goberno municipal se vai disputar entre BNG e PP”, recalcou Vidal, subliñando a disxuntiva de optar polo desastre continuista dos populares ou polo proxecto transformador e capaz de mellorar a vida da veciñanza de Ordes do Bloque.
“Serán unhas eleccións decisivas porque hai que elixir entre seguir co desgoberno e a desfeita do PP ou optar polo cambio que representa o Bloque da man de Pablo Vidal, un candidato con experiencia que coñece ben este municipio e que conta cunha equipa de xente nova e preparada”, proclamou a portavoz nacional, Ana Pontón, no acto de presentación.
“Ordes ten que recuperar o seu impulso como capital de comarca, ganar en calidade de vida apostando por servizos públicos da man dun goberno transparente, e para iso pídovos un apoio masivo ao BNG para que Pablo Vidal sexa o alcalde de Ordes a partir do 26 de maio”, instou a portavoz nacional.
Pontón lembrou que antes do 26M hai unha cita coas urnas con motivo das eleccións xerais e salientou a importancia de que Galiza recupere voz propia no Congreso, “onde o BNG nunca lle fallou a Galiza”, despois dunha lexislatura que deixou claro o abandono de Galiza por parte das forzas estatais. Por iso, instou a apostar por forzas políticas propias que defenden os dereitos sociais e nacionais deste pobo, como o Bloque.
Emprego, defensa do comercio e da hostalería local, ordenación urbana a través dun PXOM, transparencia, participación e proximidade na xestión, servizos públicos de calidade, converxencia entre as parroquias e o centro urbano e dinamización cultural e deportiva son as prioridades destacadas polo candidato.
“Queremos un concello para vivir e traballar cun goberno capaz de atraer novas empresas, tanto coa ampliación do polígono industrial como aplicando políticas que faciliten o acceso ao solo poñendo a disposición das empresas terreos que na actualidade están desocupados. E a maneira de crear riqueza e emprego”, destacou Vidal.
Diálogo e transparencia
No ámbito económico, fundamental tamén “o diálogo co comercio e coa hostalería local facilitando actividades e poñendo en marcha iniciativas que enchan de vida as rúas do municipio”.
O proxecto nacionalista para Ordes tamén defende un modelo urbano sostible e pensado para as persoas, “que fomente a mobilidade peonil universal e que logre mellorar a calidade de vida da veciñanza”. Para iso, o compromiso de concluír o PXOM para dotar ao concello dun plan xeral de ordenación municipal “ao servizo da maioría social”.
Atención ás parroquias
Nesa ordenación do territorio, acabar co “abandono” das parroquias para dotalas de servizos básicos, concluír os seis procesos de concentración parcelaria abertos e un plan de rozas que limpe as áreas públicas.
Servizos e proximidade a veciñanza, cuestións claves para o candidato. “Defendemos un concello próximo, a carón da xente con servizos públicos de calidade, que conte co persoal propio dun municipio cabeceira de comarca, un goberno local que apoie a cultura e o deporte, con instalacións dignas, seguras e accesibles”, resaltou.
“Queremos un concello aberto, transparente que aposte pola participación da veciñanza, cun alcalde que deixe a prepotencia para poñerse a carón das persoas, con humildade e que escoite”, indicou Pablo Vidal. En definitiva, “queremos para Ordes o proxecto transformador do BNG que ten demostrado como é capaz de mellorar a vida das persoas alí onde goberna”, concluíu o candidato á Alcaldía.