A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou o Plan Ourense Vivo, un ambicioso proxecto de revitalización do conxunto da provincia tras 14 anos de retroceso do Goberno do PP que o BNG incluirá no seu programa de goberno para aproveitar todo o potencial ourensán e que será presentado aos axentes económicos, sociais e culturais para enriquecelo coas súas propostas.
Nun acto no que estivo acompañada do grupo parlamentario, deputados e deputadas provinciais, alcaldes, alcaldesas e responsables políticos do Bloque de todas as comarcas de Ourense, Pontón avogou por “cambiar o guión da discriminación histórica que sofren as comarcas ourensás e darlles unha alternativa de futuro”, fronte a 14 anos estériles do PP nos que Ourense está retrocedendo cos gobernos do PP, ao perder dende 2009 máis de 31.000 habitantes (o 9,2% da poboación), 28.000 menores de 35 anos pola falta de oportunidades; máis de 3.000 afiliacións á Seguridade Social; e máis de 2.000 explotacións agrarias.
A líder nacionalista afirmou que para darlle a volta á situación “non valen nin as políticas centralistas de sempre nin localismos estériles”, o que se necesita é un proxecto “pensado dende o conxunto do País e que teña no equilibrio territorial un elemento central como ten claro o BNG” porque, segundo recalcou, “non pode haber galegos de primeira e de segunda como pasa cos Gobernos do PP”.
Por iso, defendeu o “goberno do cambio e sen ataduras” que aspira a presidir e co que o BNG quere desenvolver o Plan Ourense Vivo, un documento de prioridades para as comarcas ourensás con 25 grandes eixos de actuación que recollen medidas concretas en ámbitos como os servizos públicos, o desenvolvemento económico, o medio rural, a investigación ou as infraestruturas e a ordenación territorial.
Neste sentido, apuntou como punto de partida o equilibrio territorial, para o que o Bloque impulsará a Axenda Territorial Galega, entendida como un conxunto de instrumentos políticos, financeiros, tecnolóxicos e de dotación de equipamentos e servizos que permita corrixir os desequilibrios territoriais, con plans territoriais específicos para A Limia, A Raia, Valdeorras ou O Ribeiro.
En segundo lugar, Pontón apuntou a dotación e reforzo dos servizos públicos e a discriminación positiva destes no rural como estratexia fundamental para combater a crise demográfica e fixar poboación nun territorio no que unha de cada tres persoas supera os 65 anos.
Neste sentido, o plan inclúe o incremento de residencias públicas e centros de día que se desprega cunha rede pública de servizos de proximidade de teleasistencia e axuda a domicilio para “blindar o dereito” a unha vellez digna, tendo en conta ademais que Ourense é a provincia que menos prazas públicas de residencia ten, malia ter a poboación máis avellentada.
De igual xeito, contempla o reforzo da Atención Primaria e garantir que os nenos e nenas ourensás teñan acceso á pediatría como pedían onte mesmo centos de familias no Carballiño, a construción, cunha xestión 100% pública, do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade maiores de 21 anos que tiña que estar rematado en 2018, ou a redución das listas de agarda hospitalarias, as máis altas de Galiza, e a creación de novas unidades como xeriatría e ictus no CHUOU ou nemoloxía, con atención á silicose en Valdeorras.
A portavoz do Bloque sinalou como terceiro e último gran ámbito de actuación á reactivación económica e dos sectores produtivos, con propostas como converter a Ourense en motor da Galiza termal, dándolle un impulso orzamentario, lexislativo e organizativo ao termalismo, concibido como algo máis que turismo, cunha “liña moi potente de Investigación e Desenvolvemento para a Aplicación e Usos das Augas Termais e Mineromedicinais”.
Dentro do ámbito económico, tamén apostou por liderar a resposta galega ante a crise climática cun impulso dun Centro de Estudo do Cambio Climático, con sede na capital ourensá e conectado co campus, para abordar cuestións tan importantes como a perda de biodiversidade, a contaminación de solos ou o risco de grandes incendios.
Un medio rural vivo e con relevo xeracional e unha Mesa pola Industria
Así mesmo, o Plan Ourense Vivo recolle toda unha batería de medidas enfocadas a recuperar a actividade produtiva do medio rural, apoiando o relevo xeracional, o pastoreo nos montes veciñais cun plan de recuperación de gando no monte, especialmente nas comarcas do Macizo Central e A Baixa Limia, clave tamén para a prevención de incendios.
Pontón tamén avogou pola xeración de valor engadido a través da transformación en proximidade, respectando o medio e completando os ciclos produtivos, en sectores como o da pataca ou o do cereal, ou cunha aposta decidida polo vitivinícola, tendo en conta que Ourense ten catro das cinco Denominacións de Orixe. Neste sentido, o plan do BNG contempla unha lei específica e o impulso das mesas do viño.
Por último, a líder nacionalista avanzou que un goberno liderado polo Bloque dotará a Ourense dunha Mesa pola Industria para impulsar as infraestruturas pendentes, por exemplo, dos polígonos de San Cibrao-Pereiro, especialmente coa A-52 e o traslado da estación de mercadorías, aumentar o chan industrial con polígonos pendentes como o de Tamagos, ou reforzar estratexicamente as relacións económicas.
Un conxunto de medidas, en definitiva, que queren deixar atrás o “abandono histórico” de Ourense porque, segundo concluíu Pontón, aquí hai un enorme pontencial e hai futuro, se hai un goberno comprometido”.