O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presenta emendas á reforma da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral co obxectivo principal de garantir e facilitar o voto das persoas residentes no estranxeiro. A organización nacionalista volve a levar ao Congreso a reclamación histórica dos mariñeiros galegos no alto mar dun sistema telemático de votación que lles permita exercer o seu dereito de sufraxio.
A organización nacionalista considera necesario mellorar o acceso e facilitar a votación en urna no estranxeiro. Para iso é necesario habilitar todas as dependencias consulares e así como outros lugares autorizados procurando que estean repartidos territorialmente, adaptándose ás circunstancias particulares de cada país ou Estado, para así favorecer o exercicio do dereito de voto. “A votación presencial en urna, moitas veces, vese dificultada pola necesidade de desprazamento até a única embaixada ou consulado que pode situarse a centos de quilómetros de distancia e con escasas conexións de transporte” razoa o deputado do BNG.
“O BNG tamén propón a aplicación dun procedemento semellante aos estranxeiros rexistrados no ERTA, pensado para estancias no estranxeiro non permanentes, que o establecido para os rexistrados no Censo de Residentes Ausentes nesta reforma” explica Rego, “para que se lles facilite igualmente de oficio a documentación e se lles dea as mesmas opcións de voto que aos do CERA”. Así mesmo, a organización propón que se elimine o apartado que permite ao Goberno adaptar o procedemento en función das necesidades “nun procedemento electoral non cabe dar cheques en branco” valora o deputado do BNG “é imprescindíbel nas votacións un procedemento regrado previamente establecido, e de manterse ese apartado ábrese a porta a que se poida modificar o sistema ou mesmo establecer outro mecanismo de voto”.
Paralelamente, o BNG reclama que a oficina do censo electoral, en colaboración cos Consulados, realice unha revisión de carácter anual do censo electoral de residentes no exterior co fin de mantelo permanentemente actualizado.
Por outra banda, a remisión de oficio da documentación electoral é unha medida positiva, pode servir para incentivar a participación e facilita o cumprimento dos prazos de envío, en moitos casos demasiado axustados. Con todo, “a recepción da documentación nun domicilio permitiría o voto a calquera persoa se se envía certificada, pois o único mecanismo de control que se pide é a copia do carné ou pasaporte, e non se asegura o control da identidade no momento da entrega, no caso de que se vote por correo, isto vai depender das normas propias de cada país ou Estado”. Preténdese que mediante convenio ou acordo se asegure que se realiza un mínimo control tamén ao facer o envío certificado, exixindo a exhibición dun documento de identidade, do mesmo xeito que se fai no voto en urna e ou tamén cando se vota por correo no Estado español. “Evitaríase así dar facilidades para a utilización fraudulenta novamente deste sistema e a volta a prácticas de compra venda ou tráfico de votos que xa existiron en épocas pasadas” afirma Rego.
Así mesmo, o BNG presentou unha emenda para establecer un sistema de voto que se adapte ás necesidades dos “aproximadamente 10.000 mariños galegos que permanecen embarcados durante longas estadías de até 6 ou 7 meses, nas que non se pode prever cando ou onde se tomará terra. O sistema de voto por correo actual supón, na práctica, privalos inxustamente do seu dereito de sufraxio” subliña o deputado do BNG. Durante décadas foi reclamada polas persoas traballadoras do mar unha reforma da lei electoral que facilite o exercicio do voto, petición que foi ignorada reiteradamente polos distintos Gobernos. Este é o momento de acometer esa reforma e acabar coa discriminación histórica deste colectivo, facilitando un sistema que se adapte ás súas necesidades e aproveite as vantaxes das novas tecnoloxías.