BNG presenta emenda á totalidade ao pacto PP-PSOE e critica que non cuestione as políticas da UE

O BNG presentou no Congreso dos Deputados o que se pode considerar unha “auténtica emenda á totalidade á proposición pactada por PP e PSOE en relación ao vindeiro Consello Europeo de 27 e 28 de xuño por considerar que “o pacto do bipartidismo non cuestiona as políticas europeas e só fai un brindis ao sol”. Unha proposición que se debatirá mañá pola tarde no pleno.

O BNG plantexa outro modelo centrado nas necesidades da xente

As deputadas do BNG no Congreso realizan unha “contraproposta plasmada en diversos puntos que piden que o pago da débeda deixe de ser a prioridade absoluta, non se contemplen exixencias ao Estado español en materia económica, que a acción do Goberno deixe de estar intervida pola Troika, e se contemple a devolución íntegra dos aforros aos afectados polas preferentes”.

No que atinxe a Galiza, o BNG demanda a eliminación das restriccións e vetos ao naval, ao sector agro gandeiro e ao pesqueiro.

Pide o BNG que o obxectivo “prioritario sexa o crecemento económico e a creación de emprego, combater sobre todo o desemprego xuvenil, e loitar contra a fraude fiscal e os paraísos fiscais.

O bipartidismo “só trata de salvarse a sí mesmo”

Davila pón de manifesto que “desde o inicio da crise o PP e o PSOE son cómprices no esencial: a política económica. Comparten e defenden o deseño neoliberal da UE e asumen o esquema anti social”. Nese sentido, lembran que tanto Zapatero como Rajoy “aplican as receitas da Troika sen rechistar, e que a evidencia de que camiñan polo mesmo sendeiro foi o pacto acadado en 2011 para reformar a Constitución de xeito exprés e fixar un obxectivo de défice.

Mañá levan ao pleno un novo pacto, subliña, que “escenifica como o bipartidismo se aferra a un esquema de UE que a cidadanía rexeita porque os pobos son os que sofren as súas consecuencias: salarios cada vez máis baixos, empobrecemento social, encarecemento da vida, eliminación de servizos públicos, paro e dificuldades para afrontar o día a día. É isto o que o PP e o PSOE defenden?”, pregúntase Davila.

A portavoz do BNG deixará claro o rexeitamento dos nacionalistas galegos a este “novo pacto do bipartidismo que non supón un cuestionamento das actuais políticas europeas, e que se limita a facer un brindis ao sol”. “O BNG, puntualiza, non vai participar dunha manobra de distracción, dunha estratexia de confusión só para salvar a cara do bipartidismo hoxe en horas baixas e fortemente cuestionado a nivel social”.

Ademáis, Davila criticará as formas de PP-PSOE que “nos traen á Cámara un pacto pechado, acordado entre dous, e que nen siquera foron quen de consensuar con outras formacións parlamentares. O cenário está claro, é un partido de tenis que xogan dous e pretenden que os demáis sexamos meras comparsas”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG