A deputada Sonia Vidal preguntou este venres no Parlamento polo desenvolvemento do Plan Estratéxico da Limia, con actuacións específicas que axuden as produtoras gandeiras e agricultoras a paliar as dificultades e os custos aos que se van ter enfrontar derivados da declaración ambiental, de zona vulnerable aos nitratos, prevista para dentro de seis meses.
“As persoas gastaron o seu tempo en facilitarlles a vostedes o traballo na elaboración do Plan e foi en van, non se ven os resultados”. Recordou que esta colaboración da sociedade á hora de perfilar o plan sucedeu no ano 2021. “Estamos no 2024, a seis meses de que se proclame a zona da Limia como zona vulnerable”.
A deputada nacionalista quixo saber que medidas vai tomar a Xunta do PP a respecto da contaminación das augas, máis aló da construción, con fondos europeos, de 40 pozos e de regadío, como lle contestou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Paz Rodríguez Rivera.
Para Lamas, a declaración da Limia como zona vulnerable aos nitratos foi “proposta pero non implementada”, e as medidas de control son ata agora inexistentes. Engade que a Xunta non levou a cabo unha campaña informativa axeitada para facerlle saber á poboación o que significa a declaración ambiental e as consecuencias que pode ter.
Neste sentido, a deputada preguntou se a nova conselleira vai declarar a Limia zona vulnerable de nitratos dentro de seis meses e como lle vai explicar a toda a comarca o que ten que facer ao respecto, porque iso supón uns custos, tanto para as produtoras gandeiras e agricultoras como para a propia sociedade que vive alí”.
“Isto significa un desafío financeiro para moitos produtores e produtoras”, en referencia aos cambios que deberán implementar para cumprir coa declaración de zona vulnerable, como a adaptación de técnicas agrícolas, as infraestruturas de xestión de xurros axeitada, ou a educación e formación para poder entender e aplicar as novas prácticas de manexo esixidas.
Lamas criticou na comisión 7ª a inacción da Xunta antes de chegar a “esta situación límite”, porque numerosos informes alertaron xa en 2012 dunha situación medioambiental crítica debido ao deterioro da calidade das augas polo uso de nitratos. Acusou á Xunta do PP de centrarse unicamente enproxectos de regadíos “en lugar de tomar decisións para protexer os recursos hídricos e promover prácticas máis sostibles”.
Acusou o Goberno do PP de presumir de facer “regadíos e 40 pozos con fondos propios”, pero en realidade, aclarou, son “fondos europeos e estano pagando as produtoras, con 7.000 euros por hectárea, se se inclúen os gastos financeiros, estruturais, ademais dos salarios”, aclarou.
“Saben o que lle supón a un agricultor pagar 7.000 duros a hectárea?. Pídolles que non maquillen” un plan que non foi concibido só para a modernización do regadío nin para os 40 pozos porque “implica moito máis, entre outras moitas medidas, supón unha declaración de zona vulnerable a nitratos e un cambio na forma de produción da agricultura nesa comarca”, rematou.