O BNG pregunta as razóns da Xunta para excluír á CIG das reunións do goberno cos axentes sociais

Montse Prado
Montse Prado
Considera que é “un exemplo de discriminación e unha mostra de sectarismo inaceptable” coa central sindical con maior representación en Galiza

O BNG, a través da deputada Montse Prado, rexistra no Parlamento unha pregunta oral en pleno na que pide ao Goberno da Xunta que explique “en base a que criterios democráticos e institucionais” exclúe ao sindicato CIG das reunións para tratar a situación laboral, económica e social motivada pola crise orixinada pola COVID-19, pese a ser a primeira central sindical en Galiza.

Segundo información recollida nos medios de comunicación, o 13 de maio o presidente da Xunta reuniuse de forma telemática cos secretarios xerais de UGT, Comisións Obreiras e con representantes da CEG para tratar a situación laboral, económica e social consecuencia da pandemia da COVID-19.

O BNG considera inxustificábel que Feixóo non convoque á CIG, o que a deputada entende como “un exercicio de discriminación totalmente reprobable”, tendo en conta que é a primeira central sindical do país tanto en número de delegados e delegadas como en afiliación, polo que ten que ser un interlocutor principal á hora de abordar a situación laboral, económica e social, en todo momento, mais de xeito especial neste proceso de desescalada tras o confinamento pola pandemia orixinada pola COVID-19.

“Consideramos de extrema gravidade que por parte do presidente da Xunta non se respecte a lexítima representación dos miles de traballadores e traballadoras que representa a CIG, nunha clara mostra de sectarismo desde o punto de vista institucional e de comportamento democrático”, indica Prado na iniciativa, “con este proceder o xefe do Executivo mostra con claridade a súa faciana máis antidemocrática ao usar a institución que representa para practicar a exclusión e o sectarismo”.

Así mesmo, recolle a deputada, “evidencia que non ten unha vontade real de sumar e de construír entendementos para afrontar a gravísima situación actual tanto no laboral como no social e económico, ocasionada pola crise sanitaria, non querendo coñecer as análises e propostas que a central nacionalista ten para afrontar o proceso de retorno á actividade e as problemáticas existentes na crise derivada da emerxencia sanitaria. Este actuación precisa ser explicada por por esa razón o BNG presenta esta iniciativa”, conclúe.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG