A deputada do BNG Montse Prado vén de reclamar no Parlamento de Galiza que a Xunta inicie todas as accións precisas para adquirir o Pazo de Montesacro, en Cambados, e convertelo nunha residencia pública de maiores, atendendo así ás necesidades asistenciais tanto deste concello como de toda a comarca do Salnés.
Prado fixo esta petición no transcurso dunha pregunta parlamentaria á conselleira de Política Social, Fabiola García, á que acusou de acudir ao Parlamento a “practicar o deporte que máis lle gusta: escaquearse e intentar cargar os problemas a outros” , pois na súa intervención a responsable da Xunta responsabilizou ao Concello da ausencia dun centro público para maiores en Cambados. “As competencias, os recursos e a responsabilidade son da Xunta”, lembrou a deputada nacionalista.
Segundo expuxo, o pasado mes setembro a orde relixiosa propietaria puxo o inmoble á venda, causando unha “enorme preocupación” entre a veciñanza do concello, “que sinte o pazo como propio”. Situado no barrio de San Tomé dentro dunha finca de máis de 12.547 metros cadrados, o edificio ten un valor histórico patrimonial importante, pero tamén un recoñecido valor social-asistencial, pois acolle unha residencia privada de persoas maiores que conta con aproximadamente 70 prazas, todas ocupadas por persoas de Cambados e a comarca.
Esta residencia, subliñou Prado, é a única existente no concello, “nunha comarca como a do Salnés, que tendo unha poboación de arredor de 100.000 habitantes é deficitaria en prazas residenciais para persoas maiores, non existindo ningún centro de titularidade pública”, denunciou.
Logo de escoitar á conselleira, considerou que a venta do pazo será unha oportunidade perdida pois a súa compra sería un “bo negocio” para a Administración, que pagaría tres millóns de euros para “setenta prazas públicas e un pazo emblemático”. Unha cantidade que contrapuxo á da residencia construída pola Fundación Amancio Ortega en Santiago que, segundo os datos da propia Xunta, custou 25 millóns de euros, máis 400.000 de urbanización, para 120 prazas.
A deputada do BNG botou en cara á conselleira que se renuncia a manter operativas as 70 prazas de Montesacro as setenta persoas que as ocupan quedarán desprotexidas. “Van espallalas por toda Galiza? Van dicirlle que poden escoller unha praza en Pedrafita?” preguntou á conselleira.
Salientou, neste sentido, que a Xunta do PP “está a drenar inxentes cantidades de diñeiro público cara empresas privadas”, mais non construíu nin unha soa residencia pública nos últimos catorce anos. “En Galiza tres de cada catro prazas de residencias de maiores son privadas, é a quinta comunidade con maior porcentaxe de prazas privatizadas, a terceira se se atende ao déficit de prazas de todo o Estado, 3,3 por cada 100 persoas maiores de 65 anos, moi lonxe do rateo de 5 por cada 10 que marca a OMS”, agregou.
Afondando nesta cuestión, insistiu en que o sistema de privatización e concertación de prazas non resulta máis económico ou rendíbel para a Xunta, pois “hai estudos que cifran nun 8 % de gasto maior para o erario público das prazas concertadas”.
“Por unha vez poñan os intereses dos nosos maiores por enriba de facilitar o negocio ás empresas privada”, concluíu a deputada.