A través dunha pregunta parlamentaria, a deputada do BNG Mercedes Queixas demandou do Goberno galego un compromiso para recuperar a materia de igualdade de xénero nas diferentes etapas educativas.
A deputada do BNG iniciou a súa intervención amosando o seu malestar pola decisión do Goberno de substituír á secretaria xeral de Igualdade pola directora xeral de Educación, Judith Fernández, para responder ás cuestións formuladas polo grupo nacionalista considerando que a temática da pregunta corresponde ao ámbito da violencia de xénero, a igualdade e a educación en igualdade. De aí, dixo, que hoxe debería ter sido a secretaria de Igualdade a encargada de responder.
A xuízo da deputada do BNG, afrontar a fin da violencia de xénero precisa dunha firme vontade política que asuma unha estratexia de planificación global desde o comezo dunha formación educativa en igualdade.
O Goberno galego renuncia a educar en valores de respecto, tolerancia e convivencia en igualdade
Na actualidade, explicou Mercedes Queixas, os diferentes informes e estatísticas confirman que entre os menores de 18 anos está a medrar “a violencia machista” impulsada por unha visión negacionista e discursos abertamente “antifeministas” que fan máis necesario que nunca “educar en igualdade”.
Pola súa parte, a directora xeral de Educación defendeu a supresión da materia de igualdade para incorporar aos currículos de ESO e BAC tres novas materias: Cultura Financeira, Intelixencia Artificial para a Sociedade e Tecnoloxías Intelixentes. A deputada do BNG replicou que renunciar á formación do alumnado en igualdade de xénero de forma específica desde o currículo escolar, como reforzo aos contidos transversais, “é renunciar ao principio básico de educación nos valores do respecto, da tolerancia e da convivencia”.
Queixas volveu criticar a presenza da directora de educación cando as preguntas, dixo, están dirixidas especificamente a secretaria xeral de Igualdade, xa que noutra ocasión o BNG xa formulou esta mesma cuestión a través dunha proposición non de lei dirixida á consellería de educación e por iso hoxe queremos saber “como valora a secretaría xeral de Igualdade a eliminación da materia educativa de igualdade de xénero”.
A deputada insistiu en que lle parecía “un despropósito” que a secretaría xeral de Igualdade non comparecera no Parlamento para responder a pregunta formulada polo BNG. “Vostede -recalcou Queixas dirixíndose á directora xeral de Educación- non está lexitimada para responder como secretaria de Igualdade” e desde o BNG continuaremos buscando a forma para acadar esta resposta. En calquera caso, “o Goberno do PP e o estilo Rueda quedan retratados” e moito me temo, dixo, que xa non debe haber secretaría xeral de Igualdade ao igual que xa non existe a materia de igualdade dentro do currículo escolar.
A deputada afirmou que urxe actuar sobre as consecuencias da violencias de xénero dende todas as instancias, económicas, xudiciais sanitarias e políticas liderando todas as accións propositivas e tamén educativas porque “todo parte da educación” e para educar en igualdade de xénero o mellor espazo é a escola.
“A violencia de xénero non pode nin debe normalizarse e consolidarse, estivo oculta demasiado tempo e sen identificar e mesmo xustificándoa como ‘cousas de familia’ pero temos que demostrar que estamos noutro tempo e non mirar para outro lado”, sentenciou.
Agregou, no mesmo sentido, que “ninguén nace aprendido para protexernos das desigualdades, nin do machismo e por iso resulta tan importante formar as persoas en igualdade de xénero tecendo unha rede sólida para loitar contra as agresións ás mulleres”. Finalmente, subliñou que non é unha boa noticia que a Xunta decida eliminar a materia educativa de igualdade porque é un paso atrás. A supresión da materia, que contaba cunha grande demanda e unha avaliación moi positiva, incidirá negativamente na loita contra a violencia de xénero e a favor da convivencia en igualdade.