O BNG pide á sociedade galega que se una para frear o pucheirazo eleitoral do PP

O BNG pídelle á sociedade galega que se una para parar o pucheirazo eleitoral que prepara Feijoo para manter ao PP no poder mediante unha redución de escanos no Parlamento Galego.

Así, o manifestaron esta mañá en rolda de prensa o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e a portavoz do Grupo Parlamentar, Ana Pontón, quen anunciaron tamén que o BNG “non participará na farsa da proposta do PP”, porque hai outras formas de reducir o gasto público e non a costa de recortar a democracia.

“O epílogo indigno do peor presidente de Galiza”

Para o portavoz nacional do BNG, “a proposta de pucheirazo eleitoral que plantexa o señor Feijoo vai ser o epílogo indigno do peor presidente da Xunta de Galiza, vai pasar á historia como o presidente que quixo permanecer no poder a calquera prezo”.

Guillerme subliñou que “para BNG que quede claro: non se trata de defender ningún privilexio, trátase de defender a democracia e a nosa dignidade como nación, como país que somos, mal que lle pese ao señor Feijoo”.

Neste sentido, anunciou que “o BNG non participará nesta farsa antidemocrática e non será cómplice do intento de Feijoo de vulnerar as regras de xogo democráticas”.

“Animamos a todas as forzas políticas e sociais a frear este pucheirazo eleitoral”

Guillerme defendeu que “se quere falar de diminuír o gasto público o BNG ten propostas para facelo, antitéticas ás do PP, por exemplo, suprimamos as compañas de propaganda da Xunta ou suprimamos as deputacións, en vez de engordalas”.

O PP non busca o aforro, senón manterse no poder mediante un golpe antidemocrático reducindo o número de escanos do Parlamento Galego

Ante esta situación, o portavoz nacional do BNG convidou “a todas as forzas políticas e sociais a pronunciarse contra este pucheirazo, e estou seguro de que se todos e todas nos opoñemos faremos retroceder ao PP neste golpe antidemorático antes de que se consume”. “É imprescindible evitar que este golpe antidemocrático non se consume e, en todo caso, se o PP insiste en romper as regras de xogo democráticas que o faga só”, advertiu.

Ana Pontón: “O PP sabe que neste momento non ten a maioría absoluta e quere manterse no poder mediante un fraude eleitoral”

Na mesma liña se pronunciou a portavoz do Grupo Parlamentar do BNG, Ana Pontón quen denunciou que a proposta que onte a mediodía remitía por mail o portavoz do Grupo Parlamentar do PP para reducir o número de escanos do Parlamento Galego “está baseada en premisas falsas e é un intento desesperado do PP por perpetuarse no poder”.

Ana Pontón afirmou que “o PP é consciente de que neste momento non ten a maioría absoluta, que a ten perdida, e o único que está intentando facer é cambiar as regras de xogo co obxectivo de conseguir máis escanos no Parlamento Galego con menos votos”. “E isto -advertiu- para o BNG só ten un nome: fraude eleitoral”.

O PP quere cambiar unilateralmente as regras de xogo democráticas antes das eleccións

A portavoz nacionalista no Parlamento Galego defendeu que “calquera cambio das regras democráticas ten que ser froito dun debate sosegado, ten que ser froito dun amplo consenso social e político e estudado con detenemento, e nunca antes xusto dunha convocatoria eleitoral.”

Neste sentido, Ana Pontón denunciou que “a proposta do PP incumpre eses requisitos e rompe claramente coas normas democráticas, alterando un principio básico nun sistema democrático como é a proporcionalidade e a representatividade dos cidadáns, pois esta proposta do PP afonda na desproporcionalidade do sistema”.

Ademais, a portavoz do Grupo Parlamentar do BNG advertiu de que a proposta de Feijoo “enmárcase nun proceso de involución democrática e de recentralización e de baleiramento das competencias do goberno galego”.

O BNG non participará na farsa do PP, porque hai marxe para reducir o gasto público, pero non a costa de recortar a democracia

Así, criticou que “é falso que a proposta se fundamente no aforro, pois o custo do Parlamento Galego é dos máis baixos do Estado, con 7 euros ao ano para cada galego”. Pola contra, Ana Pontón, subliñou que “o señor Feijoo é o cabalo de Troia do PP en Galiza para seguir recortando o escaso autogoberno de Galiza, e equipararnos ao mesmo nivel que Murcia ou La Rioja”, e chamou a atención sobre que “o PP plantexe esta rebaixa en Galiza pero non en Euskadi ou Catalunya”.

Posición de Galiza no Consello de Política Fiscal e Financeira

Por último, e a preguntas dos xornalistas sobre a posición do goberno galego na reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira celebrado onte, Guillerme criticou que “mentres algunha comunidade ten a dignidade de plantarse antes medidas inxustas e entolecidas para os cidadáns, o señor Feijoo en posición de firmes, coma sempre”.

http://www.youtube.com/watch?v=Pcftt9QterI&feature=plcp

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG