O BNG pide unha rectificación inmediata do SERGAS para que as persoas maiores de 80 anos reciban a cuarta dose da COVID nos centros de saúde, como se fixo até agora, en lugar de obrigalos a ir aos chamados vacinódromos facendo desprazamentos de centos de quilómetros, co que iso implica de alteración e molestias e mesmo de gasto económico.
“Desde o Bloque trasladamos a nosa total desconformidade con esta decisión e non entendemos porqué non se mantén a vacinación nos centros de saúde, como na administración das anteriores doses contra a pandemia, a ultima ademais administrada conxuntamente coa da gripe”, explica a portavoz parlamentaria de sanidade, Montse Prado. A portavoz de sanidade considera “inaceptable obrigar a persoas de 80, 85, 90 ou máis anos a desprazarse quilómetros co que iso implica de problemas físicos para moitos destes maiores e mesmo tamén de gasto económico extra nunhas pensións moitas veces exiguas”.
Prado destaca que “estamos falando de persoas maiores que poden ter achaques, para as que supón un trastorno e unha alteración da súa rutina que se lles obriga a desprazarse quilómetros dos seus domicilios. Ademais, tamén supón un problema porque ou precisan depender dun familiar que os poda atender e trasladar ou teñen que pagar un taxi, aparte de someterse a unha viaxe longa de ida e volta e a unha espera de pé na cola que se atope no centro de vacinación masiva”, explica a deputada nacionalista.
A portavoz de sanidade tamén critica que esta decisión “implica que as persoas maiores non sexan atendidas polo seu profesional sanitario habitual no seu centro de saúde ou nun centro de saúde cando menos próximo ao seu domicilio, e implica para as persoas maiores intranquilidade, molestias e un gasto en termos económicos”. Neste sentido, recalca Prado, o BNG pide ao Goberno do PP “que rectifique e manteña o circuíto normal de vacinación para as persoas maiores de 80 anos nos centros de saúde como se fixo até agora”.
“O PP ten que deixar de tratar a sanidade pública, sobre todo a atención primaria, como se estivésemos permanentemente nunha situación de excepcionalidade, deben normalizar a atención á poboación nos centros de saúde con persoal suficiente e continuado”, concluíu.