O BNG pide retirar os símbolos franquistas e o PP vota en contra

Símbolo franquista en Vigo

Ana Pontón reclamaba criar unha comisión integrada por representantes do Goberno galego, concellos e asociacións de recuperación da memoria histórica e un calendario de prazos para a retirada dos símbolos en todo o territorio galego

Símbolo franquista en Vigo

A deputada do BNG, Ana Pontón defendeu a Proposición non de lei para retirar os símbolos en espazos públicos que homenaxean a “persoas que non merecen tal distinción”, iniciativa que o Partido popular rexeitou.

Pontón esixiu que a Xunta cumpra a lei para restituír a “dignidade das vítimas do franquismo” porque, a pesar de existir unha lei que obriga a súa retirada, “algunhas institucións resístense”

A deputada asegurou que o custe da retirada non pode ser un argumento utilizado polo Goberno, tendo en conta a cantidade de “cartos públicos” que se invisten noutras iniciativas de menor relevancia.

Pola súa parte, o portavoz popular, Hipólito Fariñas afirmou que o Goberno galego “está a cumprir a lei” e o marco competencial para iniciar a retirada dos símbolos de edificios, rúas e prazas corresponde ás administracións local, autonómica e estatal e a iso nos remitimos, “que cada un cumpra a parte que lle toca por imperativo legal”.

Na réplica, a nacionalista lamentou “o cinismo do Partido popular” e censurou aqueles alcaldes do PP que fan apoloxía do franquismo sen que o Goberno actúe. Mesmo temos, engadiu, algún caso significativo como o alcalde popular da cidade da Coruña que fai “deixación” das súas funcións mantendo un rueiro con 52 localizacións de simboloxía franquista como ten denunciado a Comisión para a recuperación da Memoria histórica.

O silencio delata ao Partido popular

A parlamentaria acusou ao Partido popular de “demoler” todas as políticas de recuperación da Memoria histórica iniciadas polo Goberno bipartito, “ vostedes non toman partido polos dereitos humanos, o toman por seguir mantendo a eses franquistas neses lugares”, recalcou.

En todo o caso, dende o BNG consideramos que se está a incumprir a lei e por iso reclamamos que concellos e Xunta eliminen a simboloxía do franquismo, como a que se reflexa en grupos de vivendas sociais co xugo e as frechas.

Na nosa iniciativa pedimos unha orde de axudas de colaboración cos concellos e non entendemos porque a Xunta non quere, “vostedes se votan en contra non é porque queiran darlle máis recursos os cidadáns e porque queren impedir medidas destinadas a retirada deses símbolos”.

O franquismo foi un réxime “ilegal, perseguiu e asasinou a moitas persoas con crueldade polas súas ideas, no Estado español o Partido popular négase a condenar o franquismo e a transición ten lagoas moi importantes”, concluíu.

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG