Para a deputada Ana Pontón, o proxecto de lei é unha versión empeorada da lei vixente polo que o BNG presentou 91 emendas para evitar a inseguridade xurídica, protexer o territorio, eliminar a especulación e favorecer a rehabilitación e un urbanismo vinculado ás persoas
A parlamentaria do BNG, Ana Pontón volveu pedir hoxe na Comisión de Ordenación do Territorio a retirada do Proxecto de lei do solo de Galiza porque desprotexe o territorio, crea máis inseguridade xurídica, defende un modelo non sustentable e resucita o espírito liberalizador de Aznar que tan graves consecuencias nos trouxo a nivel social, económico e ambiental.
Para a deputada, o máis razoable sería que o PP retirara a lei porque representa un paso a trás en relación á lei vixente e propuxo abrir a porta á participación social e persoas que nos están a alertar dos problemas da lei antes de concluír o ditame das emendas.
A nova lei do solo non cumprirá ningún dos obxectivos anunciados polo Goberno
No debate, a parlamentaria aludiu á presentación do Goberno galego sobre un novo modelo do solo para Galiza na que marcaba dez obxectivos: consenso, ningún concello sen PXOM, acabar co feismo, estabilidade, seguridade xurídica, corresponsabilidade, axilidade, eficacia, simplificación administrativa e claridade e transparencia. Ana Pontón afirmou que ningún destes obxectivos serán cumpridos nesta lei, nin ten consenso nin vai a solucionar os problemas do urbanismo nos concellos, tampouco o de Vigo Para a deputada, a Xunta volve reincidir en políticas erradas e fracasadas.
A Lei retira competencias aos concellos
Non entendemos, dixo, que se elimine a franxa do territorio litoral dos 200 metros ou a desprotección das terras agrarias. Dende o BNG reclamamos un urbanismo ligado a unha función social. A deputada tamén rexeitou a modificación do artigo 19 sobre definición e declaración de núcleos rurais e a renuncia á protección do patrimonio arquitectónico tradicional.
O Partido popular retira competencias aos concellos coa nova lei, parécenos irracional que un concello non poda protexer un ámbito dentro da planificación do seu urbanismo sen contar co beneplácito da Xunta e impida que os concellos non podan paralizar proxectos mineiros ou agresivos.
Mellorar o solo rústico, retirar a clasificación dos edificios de carácter tradicional marcadas pola data 1975, apostar pola sostenibilidade, peonalizar espazos urbanos ou incidir na simplificación administrativa, foron algunhas das emendas que defendeu a nacionalista.
ENCE FORA DE PONTEVEDRA
Para a deputada o Goberno aprobou un Plan de incidencia supramunicipal que permite a permanencia de ENCE na ría de Pontevedra. Dende o BNG, recalcou levamos anos con unha postura contraria, activa e evidente contra esta permanencia e criticou que o Partido popular modificara a lei de Costas para consolidar a ENCE cando se esgotaban os prazos establecidos. En tempo de desconto e cun goberno en funcións amplían a 60 anos a prorroga, algo que só pode ser definido como inmoralidade. ENCE non pode seguir contaminando a ría de Pontevedra e hipotecando o futuro de toda a política forestal en Galiza.
Tras o ditame da comisión, a lei continuará o seu trámite parlamentario para a súa aprobación en sensión plenaria.