A deputada Montse Prado denunciou a submisión do Goberno galego ao decreto do Goberno central polo que solicitou a presentación dun recurso contra unha lei que ataca os intereses dos traballadores e traballadoras do sector comercial galego
A portavoz de Comercio do BNG, defendeu unha emenda de totalidade de devolución ao proxecto de lei de modificación dos horarios comercias e criticou a decisión do PP de tramitala pola vía de urxencia sen previo debate e consenso.
Na súa intervención, Prado afirmou que esta lei creará máis dificultades ao comercio galego porque, non creará máis emprego nin actividade económica e as mulleres, dixo, serán as máis prexudicadas ao traballaren máis horas, con menos salario e sen posibilidade de conciliación familiar.
O BNG pide presentar un recurso contra o Decreto
A deputada explicou que a lei estatal contempla que, deben ser as comunidades autónomas as que modifiquen os horarios comercias, estamos pois,dixo, ante unha vulneración de competencias exclusivas galegas recollidas no Estatuto de Galiza, un espolio competencial que debería obrigar ao Goberno galego a presentar un recurso de inconstitucionalidade contra un decreto que lesiona gravemente o pequeno comercio galego.
Prado considerou que este sector precisa de medidas urxentes que incidan na activación de crédito e nunha nova fiscalidade destinada a robustecer o comercio fronte unha liberalización dos horarios comerciais que só favorece aos oligopolios das grandes superficies comerciais e intereses financeiros alleos, o sector demanda medidas de apoio ao comercio non modificar os horarios.
O sector non demanda o cambio de horarios
A deputada do BNG lamentou que a proxecto de lei do Goberno galego rache co consenso cos representantes dos traballadores e traballadoras, continúe na senda das receitas do FMI e desprotexa aos operadores máis vulnerables xa en grave crise económica.
Trala intervención do conselleiro de Industria, Francisco Conde a parlamentaria nacionalista respondeu que si fora certa a preocupación do Goberno galego polo sector comercial, non se atrevería a presentar a Lei.
Neste sentido, reiterou que aceptar o decreto do Goberno central implica obedecer e poñerse ao servizo do gran capital, o problema do comercio galego non son os horarios comerciais, criticou, o problema real do comercio , explicou, son 300.000 parados e paradas en Galiza, os centos de persoas sen acceso a ningunha prestación , os fogares sen recursos económicos, as rebaixas dos salarios, a eliminación da paga extra e a suba do IVE. O problema do comercio galego, concluíu, son as políticas que puxo en marcha o Partido popular contra o pequeno e mediano comercio.
BNG, AGE e PSdeG anunciaron o voto contrario ao Proxecto de lei de modificación da lei 13/2006, de horarios comerciais de Galiza defendido hoxe polo Partido popular.