O BNG pide a retirada inmediata da campaña de publicidade da Xunta que viola a legalidade eleitoral

O Bloque Nacionalista Galego vai presentar un recurso ante a Xunta Eleitoral de Galiza para que esta ordene ao Goberno galego a retirada imediata da campaña de publicidade que a Administración autonómica promove baixo o lema de "A Galiza do futuro depende de nós".

O BNG vaille demandar á Xunta Eleitoral de Galiza que advirta ao Goberno galego de que lle imporá unha sanción económica na eventualidade de persistir na inserción de anuncios nos medios de comunicación que directamente violan a lexislación eleitoral.

É impresentábel en termos de ética democrática que a campaña eleitoral do PP se dirixa desde un despacho da Xunta

A inserción durante estes días de anuncios publicitarios correspondentes á campaña "A Galiza do futuro depende de nós" conculca a Lei Orgánica do Réxime Eleitoral Xeral (reformada en 2011), texto legal que prohíbe a realización de campañas institucionais desde o mesmo momento en que se convocan os procesos eleitorais, coa única excepción de aquelas que sexan imprescindíbeis para o correcto funcionamento dos servizos públicos. Obviamente non estamos ante este suposto: quen terá que decidir sobre a Galiza do futuro serán as galegas e os galegos o 21 de Outubro e terano que facer sen seren condicionados por publicidade institucional pagada polos impostos de todos os cidadáns.

Neutralidade, transparencia, equidade

O BNG demanda da Xunta Eleitoral de Galiza que vele pola estrita neutralidade, transparencia e equidade das institucións públicas durante todo o proceso eleitoral.

A directora de campaña do BNG, Montse Prado, cualifica de "impresentábel en termos democráticos" que a campaña eleitoral do PP se estea dirixindo desde un despacho da Xunta de Galiza, en alusión a Alfonso Rueda.

"O PP non é capaz de distinguir o ámbito institucional do partidario. Non é de recibo que a mesma persoa que ten a responsabilidade de velar pola neutralidade e a transparencia de todo o dispositivo eleitoral durante as eleccións -o conselleiro da Presidencia- sexa a encarregada de dirixir a campaña dun partido político", conclúe Montse Prado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG