BNG pide restituír a liña de autobús Lugo-Ourense, ás 6 da mañá, e garantir un transporte público vertebrador, eficiente e sustentable

Paulo Ríos
Paulo Ríos

Paulo Ríos denuncia incumprimentos da empresa Monbús co Plan de Transportes da Xunta e pide responsabilidade ao goberno para garantir un servizo que responda ás necesidades das e dos usuarios

Afirma que o AVE debe estar ben conectado pero “sen prexuízo para as persoas usuarias desta franxa horaria”

O portavoz de Mobilidade do BNG, Paulo Ríos, (Kai) formulou unha pregunta ao goberno sobre a eliminación da liña  XG623 Lugo-Ourense-Vigo, ás 6 da mañá, utilizada por traballadores e traballadoras da cidade de Lugo e das vilas que cubre o servizo.

Tras a intervención do director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestre, o parlamentario do BNG lamentou que o goberno persista en priorizar o servizo do AVE fronte un transporte público eficiente e sustentable en función das necesidades das áreas con dificultades na súa comunicación.

O transporte público, afirmou resulta “vital” para os desprazamentos por estrada e o Plan Estratéxico de Transporte Público de Galiza establece como obxectivo primordial, facilitar a mobilidade das persoas en termos de “igualdade, seguridade, calidade, eficiencia social e sostibilidade económico-financeira e medioambiental”, ademais de fomentar e potenciar o uso prioritario do transporte público, en calquera dos seus modos.

O nacionalista explicou que a  xustificación para eliminar o  servizo das 6 da mañá, foi a baixa demanda froito da pandemia e  xeralización do teletraballo pero na actualidade, puntualizou o deputado do BNG,  o teletraballo xa non é norma para os traballadores e traballadoras  e a liña  continúa presente  no directorio web ligado á Xunta de Galiza, a pesar da súa eliminación.

Por outro lado, reiterou  que a empresa Monbús incumpre  o acordado coa Xunta de Galiza “sen que o goberno penalice este proceder”.

O deputado recalco as “irregularidades” da empresa de transporte Monbús e asegurou que a  Xunta non pode aceptar que os vehículos ofertados para a concesión non se correspondan cos utilizados posteriormente para os servizos.

Ademais, dixo, a mocidade denuncia continuamente parte destas irregularidades nas redes sociais entre as que destacan:  “autobuses que non chegan, horarios que non se cumpren e o  deterioro dos vehículos”. Por outra parte, engadiu, o portal web “non está actualizado” no que atinxe a horarios, secuencias, cambios e modificacións”

O nacionalista lamentou que o director xeral de Mobilidade confirmara que non será restituída a liña das 6 da mañá e afirmou que se Renfe non conecta o AVE a primeira hora da mañá será en “detrimento das persoas que utilizan o servizo nesta franxa horaria”. Paulo Ríos urxiu á Xunta a exixir a Renfe que garanta as conexións ou ben crear un novo horario para cubrir esa necesidade e non modificar de maneira unilateral un servizo das 6 da mañá ás 5 da mañá.

“O AVE debe estar ben conectado pero non prexudicando aos usuarios e usuarias que utilizaban o transporte ás 6 da mañá”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG