O BNG denuncia o atentado contra o patrimonio perpetrado no concello de Valga tras a actuación sobre o seu antigo embarcadoiro, emprazado na área do funicular de transporte de materiais da antiga empresa Novo y Sierra. O espazo aparece hoxe irrecoñecible do seu estado orixinal, malia ser parte dun Ben de Interese Cultural (BIC) dende 2020.
O deputado por Pontevedra, Luís Bará, recriminou á Dirección Xeral de Patrimonio esta actuación, que rematou cos antigos muros de ladrillo soterrados e unha fisionomía completamente alterada, transformado nun novo peirao para embarcacións turísticas, “isto non é protección, é un atentado”, denunciou.
O acordo de Portos de Galiza e o propio concello foi o último paso antes da “destrución” da estrutura orixinal, que no pasado serviu como embarcadoiro de carga e descarga de materiais cerámicos. “Queremos saber que criterios se seguiron para que se acabara destruíndo esta estrutura”, criticou Bará sobre unha estrutura á cal se lle incoara un expediente BIC no 2020, feito que obriga á Xunta a velar pola súa protección e salvagarda.
A este atentado patrimonial súmaselle a intención do concello de Valga dun funicular “ao redor do cal temos moitas dúbidas”, declarou, que levaría ás persoas usuarias do peirao dende o embarcadoiro, algo “desproporcionado e de difícil viabilidade”, sinalou o deputado do BNG, xa que a nova estrutura tería que circular enriba de vivendas.
Fronte a esta actuación “irresponsable” das administracións implicadas, o BNG esixiu unha investigación interna dentro da Dirección Xeral de Patrimonio e a activación dun “proxecto sancionador”, remarcou Bará, a Portos de Galiza e o concello de Valga.