O BNG pide recuperar a consellería de Cultura

O BNG reclama recuperar a Consellería de Cultura e que a Xunta abra un diálogo coa Plataforma en defensa das Artes Escénicas e Musicais para chegar a acordos que resolvan a crítica situación da cultura galega.

A portavoz de Cultura do BNG, Ana Pontón compareceu hoxe en rolda de prensa con representantes da Plataforma en Defensa das Artes Escénicas e Musicais, tras manter unha xuntanza na que lles deu conta dunha Proposición non de lei para “recuperar a Consellería de Cultura, abrir un proceso de diálogo da Xunta co sector cultural, proceder a convocatoria urxente das diferentes redes de programación cultural, rebaixar o IVE nos produtos culturais e poñer un marcha o programa bono-cultura para reactivar a compra de produtos artísticos e culturais”.

 Unha Cidade da Cultura sen rendibilidade

A parlamentaria negou que “a Xunta non teña recursos para a cultura” mentres segue mantendo a Cidade da Cultura e investindo grande cantidade de fundos públicos nunha actividade de “escasa rendibilidade social”, propoñemos, dixo, destinar eses fundos a apoiar as redes de programación cultural.

A cultura non é ningún luxo nin privilexio,manifestou Pontón, é “un nicho de creación de emprego e actividade económica”, de progreso e tamén un dereito humano.Detrás da actitude do PP, engadiu, existe “un modelo de desmantelamento da cultura galega con permanentes ataques a nosa lingua e unha parálise total das redes de programación cultural a través de drásticos recortes”.

Neste sentido explicou que os orzamentos aprobados pola Xunta dedicarán á Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC, ) un 45 por cento de fondos menos para o ano 2013 o que empobrecerá aínda máis a vida cultural e incrementará “o paro, a emigración e a precarización das persoas que traballan no ámbito cultural”.

Sobre AGADIC considerou que “non é de recibo” que despois de catro meses permaneza sen dirección cando a axencia é a responsable de xestionara as directrices programáticas no sector.

Para Pontón, a política cultural da Xunta camiña cara un modelo no que as producións propias non teñan cabida en Galiza, marxina a cultura galega e só uns poucos terán acceso a ela.

Recuperar a Consellería de Cultura

A parlamentaria coincidiu coa Plataforma en defensa das Artes escénicas e musicais na necesidade de que se produza “un cambio na forma e no fondo” da xestión cultural da Xunta polo que reivindicou recuperar a Consellería de Cultura xa que a súa eliminación supuxo “unha importante merma” nas políticas do ámbito cultural.

Plataforma pola defensa das Artes Escénicas e Musicais

Para os representantes da plataforma, dende hai catro anos, vénse producindo un gran deterioro da actividade cultural por parte da administración derivada da súa relación coas artes escénicas e musicais.

O actor Salvador del Río afirmou que a Plataforma pretende ser “unha única voz” que pide un diálogo en dúas vertentes: as reclamacións dos profesionais e a da cidadanía que defende a cultura propia.

Del Río reclamou que as axudas recibidas polo sector sexan consideradas “unha inversión” porque “xeramos emprego e actividade económica”.

O representante da plataforma reiterou a necesidade de establecer un diálogo coa administración ao fin de acadar solucións a grave crise que padece o sector cultural en Galiza.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG