O parlamentario lembrou que a Xunta de Galiza nunha reunión co concello de Pontevedra para abordar a comarcalización recoñecía que “era necesario un novo parque na zona entorno a Cotobade” para dar cobertura a concellos con tempos de resposta de máis de 20 minutos e que polo tanto están desatendidos.
Tras a resposta do director Xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva que anunciou melloras nas agrupacións de protección civil e grupos de emerxencias supramunicipais, o nacionalista replicou que as medidas eran “pouco serías” pola falta de medios destes servizos para atender emerxencias como a extinción de incendios. O nacionalista recalcou que estamos a falar da “seguridade de vidas e bens” polo que volveu a preguntar que accións vai emprender a Xunta ante a necesidade de crear un parque de bombeiros no interior da provincia para dar cobertura aos concellos mencionados. A Xunta, denunciou “non se molla” e presenta como escusa que este asunto debe ser tratado na Comisión de Protección Civil. “Non se escape e responda ás preguntas”, reiterou Bará a Villanueva ao que tamén cominou a participar nunha mesa coa Deputación de Pontevedra e concellos para buscar unha solución.
Dende hai xa máis de 2 anos, explicou a Xunta de Galiza anunciou a revisión do mapa de emerxencias e a comarcalización dos parques de bombeiros das cidades, mais pouco se avanzou ao respecto. Resulta pois imprescindíbel e urxente que a Xunta de Galiza, a Deputación de Pontevedra estuden e acorden, en colaboración cos concellos e a través dos consorcios, unha solución para darlle unha cobertura axeitada ás emerxencias dos citados concellos do interior da provincia, concluíu.