A deputada do BNG, Olalla Rodil defendeu hoxe unha proposición non de lei para incorporar nas plataformas como Netflix ou Movistar+ subtítulos en lingua galega nos seus produtos. A iniciativa que defendemos hoxe desde o BNG, explicou “é unha proposta de mínimos pero pon en evidencia a falta dunha política de normalización clara e planificada por parte do Goberno galego con accións concretas dirixidas a cumprir os obxectivos previstos no Plan de Normalización Lingüística nun sector estratéxico: as industrias culturais e os medios de comunicación”.
Propomos algo tan elemental, dixo a nacionalista como que a Xunta desenvolva as medidas necesarias para garantir o acceso a unha oferta ampla de subtítulos en lingua galega, tanto de filmes cinematográficos como series de televisión estranxeiras. E que estes lexendados permitan acceder nas salas de cinema, mais sobre todo nas principais plataformas dixitais, como Netflix ou Movistar+, á versión orixinal subtitulada en galego.
A deputada do BNG lembrou que os Gobernos vasco e catalán levan anos desenvolvendo a difusión e promoción da creación propia como da dobraxe ou subtitulado de producións punteiras, prestixiosas e actuais.
“Entre 2014 e 2017 o Departamento de Cultura e Política Lingüística de Lakua (Goberno vasco) puxo a disposición das persoas usuarias e dos axentes culturais os subtítulos de 279 películas e 225 capítulos de 24 series de televisión”.
En 2016 Movistar+ subtitulou en catalán 230 filmes e 20 series, engadiu Rodil, e o pasado ano “Netflix ofreceu, por primeira vez oito películas dobradas ao catalán sumándose a outros provedores que xa o facían como Canal+, Yomvi, Filmin ou AppleTV”.
Unha persoa euskaldun ou catalanfalante pode acceder a contidos en versión orixinal subtitulada á súa lingua grazas ao traballo dos seus gobernos, aos acordos asinados coas plataformas e aos recursos económicos, técnicos e lingüísticos que a administración facilitou para garantir un dereito fundamental do conxunto da poboación. E fixérono porque saben que “estas plataformas e producións audiovisuais son un espazo necesario para contribuír á normalización de usos das súas linguas”.
A nacionalista afirmou que Game of Thrones, House of Cards, Orange is the new black, The Danish Girl… son producións que poden ser visualizadas en versión orixinal subtitulada en euskera e catalán pero non en galego”.
Para Rodil só é preciso “vontade política para que a nosa lingua gañe un espazo máis e coloquemos o galego ao carón do sueco, o francés, o portugués, o catalán ou español” e o Goberno galego ten unha grande oportunidade para comezar a aplicar esta medida, na segunda edición do Conecta Fiction que terá lugar en Compostela o vindeiro mes de xuño onde estarán representantes destas plataformas. “Un bo espazo para lles trasladar o desexo e a vontade deste país de que a nosa lingua poida ser unha opción máis nos seus menús”.