O BNG pide no Parlamento galego abaratar o recibo da luz

A parlamentaria do BNG, Carme Adán defende prezos de enerxía inferiores para os consumidores como compensación aos custes medioambientais e sociais que soporta o territorio galego

A portavoz de Industria do BNG, Carme Adán defende reducir nun 30% as peaxes do sistema eléctrico e insta á Xunta a demandar do Goberno do Estado a derrogación do Artigo 38 que obriga aos consumidores e consumidoras ao pago dun suplemento pola xeración e transporte da enerxía eléctrica en Galiza

Na presentación da Proposición non de lei en rolda de prensa, en sede parlamentaria, Adán pediu que se abarate o recibo da luz porque “estamos producindo entre un 30% ou 40% máis de enerxía da que consumimos e os custes medioambientais e sociais desta actividade deben ser compensados” explicou.

Graves custes medioambientais e sociais pola xeración de electricidade en Galiza

A parlamentaria nacionalista lembrou que “no territorio galego foron asolagados vales, implantáronse parques eólicos nos seus montes, destruíronse núcleos de poboación e as actuais liñas de alta tensión seguen provocando importantes custes sociais” polo que considerou que estas circunstancias deben ser compensadas coa redución dun 30% nas peaxes que os galegos e galegas pagamos no recibo da luz.

Por outra parte, afirmou que a aplicación do artigo 38 “abrirá a porta” ao incremento do recibo eléctrico en Galiza ao gravar “cun novo imposto” aos consumidores daqueles territorios que produzan electricidade.

Esta situación, dixo, fai necesario que nunca que a Cámara galega debata a iniciativa nacionalista que cualificou de “ equilibrada e razoable” e que na súa opinión, debe contar co apoio do resto dos grupos parlamentares para seren “aprobada por unanimidade”.

A deputada lembrou que en período electoral o BNG pediu a eliminación das peaxes que supoñen a metade da factura eléctrica polo que reiterou “o abaratamento do recibo da luz”.

 O Plan de reestruturación de Paradores prexudica gravemente  aos traballadores galegos do sector

A preguntas dos xornalistas sobre EREs ás plantillas de traballadores dos paradores galegos, a portavoz de Industria, Enerxía e Turismo do BNG afirmou que ao peche definitivo de dous emblemáticos paradores en Galiza e futuros peches parciais no resto hai que sumar o mal momento do turismo no nos país polo que instou á Xunta de Galiza a “paralizar este plan de reestruturación en Galiza” e buscar unha saída contra “a redución de espazos culturais e de patrimonio así como a eliminación dos postos de traballo”.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG