Minutos antes do debate parlamentario da Proposición de lei nacionalista, que o PP non admitiu a trámite, o grupo parlamentario do BNG mantivo un encontro cos emigrantes retornados concentrados nas inmediacións do Parlamento
Pleno.A deputada do BNG, Tereixa Paz defendeu hoxe, a última hora da tarde, na Cámara galega unha Proposición de lei co fin de modificar o IRPF sobre a tributación das pensións de emigrantes retornados.
Tras a votación, a deputada lamentou que o Partido popular non admitira a trámite unha proposta destinada a aforrar moito sufrimento e angustia a centos de emigrantes retornados que demandan un trato xusto e igual ao resto dos pensionistas ante Facenda.
Minutos antes de principiar o debate da lei nacionalista o grupo parlamentario do BNG mantivo un encontro cos emigrantes retornados concentrado nas inmediacións do Parlamento galego en protesta pola imposición de sancións, por parte de Facenda, por non ter presentado as declaracións da renda dende o ano 2008.
O grupo parlamentario trasladou a súa solidariedade ás persoas que permaneceron durante varias horas ás portas da Cámara galega exhibindo carteis co lema, Non somos estafadores, fomos emigrantes e manifestou a súa confianza no apoio do resto dos grupos parlamentarios á iniciativa do BNG que propugna unha reforma da lei de impostos sobre a renda das persoas físicas e modificar parcialmente as leis sobre impostos de sociedades e que representaría un paso de grande relevancia para tod@s os pensionistas.
O BNG demanda igualdade de trato na declaración da renda para @s emigrantes retornados
Na defensa da Proposición de lei, a deputada Tereixa Paz afirmou que resulta inxusto e discriminatorio que un pensionista, na súa calidade de emigrante retornado, ingrese 1.100 euros ao mes e sexa obrigado a pagar un IRPF de 1.465 euros ao ano mentres que outra persoa coa mesma pensión e sen a condición de retornado, estea exento de presentar a declaración, por esta razón, dixo, demandamos igual trato ante Facenda.
Neste sentido, a nacionalista propuxo a lei para acadar a exención naqueles casos de pensións públicas con Estados con tratados bilaterais para evitar a dobre imposición e non teñan que presentar a declaración da renda, agás nos casos que superen os 22.000 euros anuais de ingresos (na actualidade están obrigadas as persoas que superen os 11. 200), igual que o resto dos pensionistas.
Tereixa Paz pediu a devolución das cantidades requiridas e paralizar os expedientes
A parlamentaria tamén solicitou o carácter retroactivo das modificacións e o inicio da devolución de oficio das cantidades requiridas e cobradas pola Axencia tributaria contemplando os xuros de impostos e de sancións e paralizar todos os expedientes.
Paz cualificou de roubo que un retornado cunha pensión de 1.125 euros ao mes sexa obrigado a pagar 1465,39 euros no ano 2012 máis dun 10% dos ingresos anuais e Botín polas súas sociedades de investimento o 1%, poden vostedes seguir mantendo que isto non é un roubo? preguntou a deputada ás bancadas do Partido popular.
Hoxe, engadiu, teñen vostedes a oportunidade de reparar o trato inxusto e desiguall ao que someten aos retornados e rematar co sufrimento e angustia que lles inflixen. Cren que unha viúva cunha pensión de 900 euros ao mes pode pagar 5.000 euros que lle reclaman do seu marido? volveu preguntar a deputada.
Si vostedes non son sensíbeis aos dramas que están vivindo as persoas afectadas que con pensións medias de 1.200 ou 1.300 euros ao mes deben facer fronte a pagos de cantidades de 10.000 euros, é que non teñen alma.
Finalmente, Tereixa Paz convidou ao grupo popular a saír do hemiciclo e acercarse aos emigrantes concentrados ás portas da Cámara galega, saian aí fora, dixo, e vexan o sufrimento dos emigrantes retornados, escoiten cando lles digan "os que estades aí dentro puidestes estudar grazas a que eu mandei até o último céntimo que gañei en Suíza para que agora se nos roube sen que ninguén o impida.